Ramiro Ledo | “Aumentaremos a presenza da versión orixinal e a diversidade da programación”

Ramiro Ledo | “Aumentaremos a presenza da versión orixinal e a diversidade da programación”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-ab8cd532

O sétimo arte voltará ás pantallas do Dúplex de Ferrol desde mañá xoves. Tralo cese da actividade durante o verán motivado polo cambio ao fronte da xestión, as únicas salas de cine existentes na cidade ferrolá retoman esta semana a actividade nun proxecto liderado por Ramiro Ledo, quen hai cinco anos participou na posta en marcha da sala Númax en Compostela, convertida na actualidade nun referente do cine independente.

Coa mesma ilusión que entón, e coa experiencia adquirida nestes últimos anos, asume agora este novo reto na urbe naval. “Ferrol ten dereito a gozar deste espazo; é un proxecto moi ilusionante e para min un auténtico privilexio poder programar estas dúas salas”, comenta.

As instalacións, cun aforo total de 200 prazas –unha sala de 128 e outra de 72– foron sometidas a uns traballos de reforma para actualizalas e facelas o máis cómodas posibles para os espectadores e espectadoras.

A meirande parte das butacas foron restauradas mentres que outras foron cedidas ao colectivo Patio de Butacas, centrado na recuperación do antigo cine Adriano de Barallobre.

Labores de pintado, limpeza ou a instalación dun novo sistema de climatización incluíronse tamén entre as actuacións. Estes días estrearase así mesmo a nova páxina web, na que se poderá seguir toda a información relativa ás proxeccións e a través da cal se poderán adquirir os billetes. 

Expectativas
Sobre as súas expectativas con respecto a este proxecto, Ledo amósase optimista, sobre todo tendo en conta a experiencia previa do Númax. “Cando comezamos o proxecto en Santiago hai cinco anos, a situación era similar a que se dá en Ferrol, cos cines da cidade pechados. Era un momento que desde logo non convidaba ao optimismo, pero a resposta foi moi boa. O cine de proximidade está a funcionar moi ben”, asegura. Cree ademais que este tipo de salas serven tamén de lugar de encontro e de dinamización social.

O novo xerente pon en valor o traballo do anterior responsable, polo que, en esencia, apostarase por unha liña continuista. Iso sen renunciar a novos obxectivos, como “incrementar a presenza da versión orixinal e ofrecer unha programación aínda máis diversa”, avanza. Outro dos propósitos e chegar a todo tipo de públicos, pero sempre desde o criterio de cinema independente e de calidade, e con forte presenza da versión orixinal, di. “É importante que Ferrol poida reconectarse coa actualidade e coa estrea de películas”, expón.

Ramiro Ledo | “Aumentaremos a presenza da versión orixinal e a diversidade da programación”

Te puede interesar