O Antigo Hospicio acolleu esta semana un plenario no que a plataforma Queremos Galego en Ferrolterra presentou o proceso “Lingua Vital” e realizou un chamamento á participación, tanto de persoas a título individual como de colectivos musicais, na manifestación que terá lugar o sábado en Compostela.
A marcha deste 17 de maio “será unha homenaxe masiva á lingua e a cultura popular que se mantivo viva na voz das cantareiras resistindo a todos os intentos de apagala”, destacouse no encontro, no que participaron o presidente da Mesa e voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, xunto aos representantes nesta comarca de Ferrol, Francisco Gil e Pepe Cunha.
Así mesmo, fíxose un chamamento ás agrupacións vencelladas á música galega a participar na foliada pola lingua que terá lugar o sábado, animando tamén a todas as persoas a que leven as súas pandeiretas.
O servizo de transporte partirá do local da CIG de Esteiro, con paradas en Caranza, Fene e Vilar do Colo, a 5 euros o billete. Será preciso reservar praza no 981 358 750 / 981 364 058 ou ferrolterra@bng.gal / ferrol@galizacig.gal.