Os Maios de Canido son datas reservadas para moitos devotos da troula, que seguro xa teñen o ollo posto nos carteis que hai repartidos pola cidade da IV Feira do Disco, que se celebrará o xoves 1, a partir das 12.30 horas, no centro cívico. Esta edición será dobremente especial polos dez anos que cumpre Ferror Records, o selo local que vai máis aló da materia discográfica organizando xuntanzas coma esta, co que vai “facendo barrio e culturizando”.
Estes son os motores, tal como sinala o cofundador da firma Sergio Sequeiro, que propulsan unha iniciativa nacida da melomanía de ambos responsables de Ferror Records. Aínda así, a cita logrou consolidarse como un multitudinario encontro de lecer tanto para familias como para todo tipo de públicos, coa oferta dunha xornada completa, con concertos e a posibilidade de xantar polo medio, nesta ocasión da man de Landeira Pulpeiros.
Os artífices inspiráronse para esta proposta na Feira de Discográficas Independentes Diske Disko ao que foi convidado o selo ferrolán, xunto a outros do sector galego, na Coruña. A exportación da idea “funcionou moi ben dende o primeiro día”, continúa o responsable, que dá conta dalgúns pequenos cambios como a apertura que realizaron nos postos do ano pasado ao fanzine e algunha distribuidora.
Así, nesta cuarta convocatoria seguen sen limitarse aos selos discográficos e volven incluír un posto de Gulpiyuri Fanzine, unha revista independente coa que comparten espazo no ámbito do underground e que o ano pasado trouxo o último vinilo de Oscar Quant. Tamén repetirán as firmas CGTH Records, Radix Records, Rumble Records, Tualmonteyoalmar e por suposto, Ferror Records, que porán a disposición o seu novo e variado merchandising conmemorativo do seu décimo aniversario.
Neste último espazo, entre as novidades musicais non poderán faltar as que neste momento aínda están no forno: de Ghorxa, un dos grupos que integran o cartel, e Zavala, así como Los Eternos, que xa teñen o disco no mercado. Ademais, este ano estrearase na Feira do Disco o establecemento ferrolán de segunda man Falsotecho cos seus vinilos.
A primeira actuación será a de Pulpa, ás 14.00, un grupo de recente formación que bebe do indie-pop-rock alternativo, con trazas de post-punk, e que xa leva uns meses tocando dentro e fóra de Galicia. Os integrantes, recoñecibles noutros proxectos musicais, son de Narón e esta será a súa estrea na comarca.
Está previsto que CarolMG, de Pontedeume, comece a sesión ás 15.00 horas. A artista adoita pinchar garaxe da década dos 70, aínda que tamén fará gala da súa paixón polo reggae e o soul.
Os ferroláns Ghorxa, que previsiblemente teñan na feira o seu último traballo “Monstro” en formato físico, actuarán a partir das 17.00 horas. Trátase dun cuarteto que está a cabalo entre xéneros como o garaxe e o rock máis experimental con tintes stonner.