O Premio Carvalho Calero chega á súa vixésima edición

O Premio Carvalho Calero chega á súa vixésima edición
premio Carvalho Calero en el ayuntamiento de Ferrol

O Concello de Ferrol, coa colaboración da Sociedade Cultural Medulio, vén de convocar a vixésima edición do Premio Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística e Creación Literaria.  Trátase dun galardón co que se rende homenaxe ó intelectual ferrolán para o que este ano, de novo, se pide desde distintos ámbitos o Día das Letras Galegas. Ademais, é un dos poucos que, respectando a postura sobre a normativa do propio Carvalho, dá liberdade neste ámbito para que os autores empreguen a oficial ou outras.
En ámbalas dúas categorías establécese un premio de 3.700 euros. Será o Concello de Ferrol quen se encargue da publicación das obras, inéditas. Os dereitos de autor da primeira edición serán para a institución organizadora, e a partir da segunda corresponderanlle ó autor.
No caso do Premio de Investigación Lingüística ou Ensaio, márcase unha extensión de entre 100 e 250 folios e enténdese o ensaio “como xénero literario nas claves de xeración do discurso, debate e reflexión”. O de Creación Literaria refírese a unha narración curta ou un conxunto de contos que non pode superar os 60 folios.
O prazo de presentación do texto (en soporte informático e cinco copias en dixital) abrangue desde o 16 de abril ó 16 de xuño. Pode remitirse ó Rexistro Xeral do Concello de Ferrol (praza de Armas, s/n, 15402), especificando o nome do premio e cun sobre anexo, pechado e cun lema, cos datos persoais.
As bases vetan o concurso dos autores que xa foran premiados, en calquera das dúas modalidades, nos dez anos anteriores.
O xurado formarano un presidente, un secretario (con voz pero sen voto), e catro vogais que incluirán ó gañador da última edición e a outras personalidades do mundo das letras propostas pola Sociedade Cultural Medulio. O fallo do xurado coñecerase durante a primeira quincena de outubro. As bases, publicadas no Diario Oficial de Galicia deste xoves, poden consultarse na páxina web do Concello de Ferrol (www.ferrol.es), no apartado Taboleiro de Anuncios.
A última edición do Premio Carvalho Calero, que nos últimos anos pasou a ser bienal, fallouse no ano 2012. Entón quedou deserto o apartado de creación literaria, mentres que o de investigación correspondeulle a Luís García Soto, profesor e decano da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago, coa obra “O labirinto da saudade”, editado por Laiovento. n

O Premio Carvalho Calero chega á súa vixésima edición

Te puede interesar