A peregrinación de enfermos de cancro comeza hoxe en Curuxeiras con 165 inscritos

A peregrinación de enfermos de cancro comeza hoxe en Curuxeiras con 165 inscritos
Recente celebración da carreira contra o cancro organizada pola delegación ferrolá da AECC | emilio cortizas

A peregrinación Ultreira, organizada pola Asociación Española Contra o Cancro, e destinada a persoas con esta enfermidade e familiares comeza hoxe unha andaina que, en sete etapas, cada sábado, levará a 165 camiñantes a Santiago de Compostela. Son 76 persoas da delegación de Ferrol, 44 da Coruña e 35 de Santiago de Compostela. Ademais, contarán con voluntarios e persoal de Protección Civil, con material médico –incluída unha ambulancia– e coa colaboración dos municipios polos que irán pasando.


A saída será esta mañá, ás dez, no peirao de Curuxeiras, coa presenza da presentadora e modelo ferrolá Paloma Lago, que será a madriña desta peregrinación que levaba esperando dous anos para poder poñerse en marcha. Nese quilómetro cero estará tamén o alcalde da cidade, Ángel Mato; a delegada territorial, Martina Aneiros; o presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea; e a vicepresidenta da sección ferrolá da AECC; Mabel Sanesteban. Tamén está prevista a asistencia do Almirante do Arsenal, Ignacio Frutos e de concelleiros da corporación.


Logo da chegada dos autobuses que proceden da Coruña e de Santiago, e do acto inaugural con discursos, dará comezo a andaina, con destino ao albergue de peregrinos de Neda, onde chegarán ao mediodía, a tempo para tomar un aperitivo saudable nunha foodtruck.


A vindeira etapa será o 14 de maio e transitará entre Neda e Pontedeume. Ao sábado seguinte chegarase a Betanzos e cubriranse as etapas ata alcanzar Santiago o 18 de xuño.

A peregrinación de enfermos de cancro comeza hoxe en Curuxeiras con 165 inscritos

Te puede interesar