Novo premio para a película “Valentina”, dirixida pola ferrolá Chelo Loureiro

Novo premio para a película “Valentina”, dirixida pola ferrolá Chelo Loureiro
Chelo Loureiro, especializada en animación, fundou a productora Abano Producións en 2007, cun éxito demostrable grazas ás colaboracións internacionais| aec-jorge meis

A longametraxe titulada “Valentina”, dirixida por Chelo Loureiro e guionizada por ela xunto a Lúa Testa, ambas ferrolás, recibe un novo galardón que será entregado na Gala Extraordinaria de CinemaNet, que terá lugar o próximo luns 3 de outubro. Trátase dun premio que se suma a unha xa contundente listaxe de méritos atribuídos a unha obra que a directora definiu como marcadamente de Ferrol, xa que entre os créditos da película atópanse numerosos nomes desta procedencia.


“Valentina” continúa nominada aos Premios Platino e aos Quirino. Este ano gañou o Goya á mellor película de animación, a Medalla do Círculo de Escritores Cinematrográficos e a categoría “Todo Espectador” do Festival Internacional Chilemonos. Nesta ocasión, a Asociación Cinemanet decidiu outorgar a Valentina o Premio Personaje de Ficción na súa undécima edición. A gala de entrega celebrarase no Audiorio Cofares de Madrid e pretende constituír unha sentida homenaxe ao cine español. Así pois, ademais de dar os galardóns ás películas premiadas, farase memoria doutros traballos do país ricos en valores e de gran calidade cinematográfica.


“Eu quería facer unha película moi pero que moi ferrolá e creo que Ferrol é terra de artistas, por iso están aí todos eles”, explica Loureiro, en referencia á orixe de gran parte do equipo que traballou na película. Á marxe da dirección e do guión, a guionista Lúa Testa fai tamén de nai e raíña, Helga Méndez aparece como cabalo, Andrés Suárez como pai e como rei, a avoa é interpretada por María Manuela e Coke Couto como alfil. Estes tres últimos artistas son tamén os cantantes, xunto á voz mosense de Uxía.


A película é, até o momento, a única na que Chelo Loureiro traballa como directora, aínda que neste sentido expresou que coa súa idade “supoño que será a primeira e a última”. Por este mesmo motivo, a temática tiña que ser especial e resultar enriquecedora para ela. “Levaba moitos anos encargando un proxecto que tivera como protagonista un neno ou unha nena cunha discapacidade, dábame igual a que fose, e que ademais a discapacidade non fose o leitmotiv da película, senón que el ou ela vivise unha aventura como calquera outro”, manifesta Loureiro.


Sobre isto tamén indicou que, evidentemente, non se trataba de omitir a discapacidade infantil. Pola contra, o obxectivo foi tratar o tema e dar visibilidade a estes nenos, que constitúen arredor dun 10% da poboación, dos datos contabilizados, xa que Loureiro pensa que poden ser moitos máis.


As repercusións sempre son impredecibles, xa que a directora pensaba que era un tema que probablemente podía interesar soamente a un colectivo limitado. En calquera caso, ela considera que todo o cine que fai é para este tipo de espectadores máis escasos, como ocorre coa animación para adultos na que adoita traballar, polo que está afeita a dirixirse a  estes públicos reducidos. “Ao final moitas minorías son unha maioría, porque son de todo o mundo, e o que quería era chegar a elas, se aínda encima o público en xeral o recoñece e te premia é unha felicidade enorme para todos os que participan”, recalcou Loureiro.


Última película


A longametraxe máis recente na que traballou Chelo Loureiro, nesta ocasión como productora, é “Unicorn Wars”, dirixida por Alberto Vázquez. Estréase o día 21 de outubro en salas e antes proxectarase o día 9 no Festival de Sitges. A labor de Loureiro nesta última película fíxose en conxunto coa de Iván Miñambres e Nicolas Schemerkin. Ao igual que se realizou con “Valentina”, que se coproduciu con Portugal, a última película na que participou a cineasta ferrolá tamén foi unha colaboración internacional, esta vez con Francia.


“Sempre fago coproduccións internacionais porque é moi difícil levantar unha película de animación en España, os orzamentos son moi altos e hai que ir buscar cartos fóra”, argumentou a directora. Ademais, Loureiro opina que non só é unha forma de poder levar a cabo os proxectos, senón tamén de aprender das formas de traballar dos outros, aínda que é dificil e comparable cos matrimonios, xa que hai que negociar todas as decisións para estar de acordo.


Proxectos futuros


Á marxe da estrea do próximo mes de “Unicorn Wars”, Chelo   Loureiro espera facer o mesmo o ano que vén con “O soño da sultana”, un filme de Isabel Herguera.


Ademais, adiantou que no último trimestre do ano comezará a rodaxe de “Xusticia Artificial”, dirixida polo galego Simón Casal, xa que nestes momentos están con todos os preparativos. 

Novo premio para a película “Valentina”, dirixida pola ferrolá Chelo Loureiro

Te puede interesar