Nas vésperas da III Asemblea (LVI)

Nas vésperas da III Asemblea (LVI)
Garcia Acuña, participante na III Asemblea, nos tempos de diplomático

Falaba na entrega anterior de que nun informe policial, remitido ao Goberno Civil da Coruña, con data 3 de abril, daba noticia da actividade de Víctor Casas, que concluía indicando que estaba ben conceptuado e que non constaba que tivese sido detido.
Do outro dos asinantes das “Cartas de Corunha -A aspiração da Galiza. Dois grandes patriotas” a policía coruñesa informaba:
“Bernardino Varela do Campo, hijo de un industrial de esta Capital con establecimiento de bebidas y hospedaje en la calle de La Marina, nº 20.- en donde reside toda su familia, tiene unos 35 años de edad, soltero, se titula Capitán de la marina Civil, habiendo realizado pocos viajes a bordo de vapores mercantes porque la navegación perjudica seriamente su salud y desde hace algún tiempo se dedica a dar lecciones particulares en su casa y a domicilio sobre náutica a los jóvenes que se preparan para la carrera.
Se acompaña mucho de Antonio Villar Ponte, farmacéutico, de Don Luis Peña Novo, abogado y concejal nacionalista del Ayuntamiento Coruñés, de Don Manuel Lugrís Freire, empleado particular y escritor galleguista, organizador del homenaje a las Heroínas de la Isla de Sálvora y de otros, también pertenecientes a la Sociedad “Irmandade da Fala” que tiene su domicilio social en la Plaza de María Pita, 17 y Marina, 6, bajos.
Goza fama de hombre de bien y de poseer regular cultura.
En esta Comisaría no aparece nota alguna que haga referencia a tal sugeto”.
Achegábase, “Por si pudiera interesar”, un exemplar d’A Nosa Terra”, de 31 de abril, no que insertaba os artículo copiado do xornal A imprensa de Lisboa, titulado “Um velho sonho”, así como o titulado “Contrastes”, por Víctor Casas, asinante dunha das cartas que motivaban o informe.
Este engadía, ademais, que a Irmandade coruñesa estaba constituída por unhas 300 persoas, “en su mayoría, dependientes y viajantes de comercio”, e que existían, así mesmo, Irmandades nas demais provincias de Galicia e noutras poboacións de España, Portugal e América.
Tamén incluía un exemplar do folleto Regramento das “Irmandades da Fala”. Imp. de La Papelera Gallega, A Cruña, 1918, ao tempo que describía o dito nos artigos 1 ao 7, os referidos aos fins da sociedade.
Allea, obviamente, a este seguimento policial ordenado polas autoridades políticas, a Irmandade coruñesa, de acordo co prescrito polos seus estatutos, procedía á renovación de cargos en xunta xeral celebrada o domingo 10 de abril.
Consérvase un informe mecanografado da delegación da D.G.S. no que se recollen os nomes e enderezos –curiosamente descoñecen algún– dos membros desa nova directiva irmandiña:
Iramandade da Fala
Directiva nombrada el 12 de abril de 1.921
Presidente: Francisco Balboa
Vice: Francisco Abelaira Ayán, d/ Fdz Latorre, 104-3º
Secretario: Luis Peña Novo, d/ en Barrera, 16.
Vice: Antonio Álvarez
Tesorero: Antonio Villar Ponte d/ en
Contador: José Fernández
Bibliotecario: Fernando Osorio, d/en
Vocal 1º: Bernardino Varela Docampo, d/ Avda Marina, 20. “ 2º: Antonio Gil Rovira, d/ en... “3º: Manuel Lemus García, d/en San Andrés, “4º: Antonio Martinez Martinez, d/ Monelos. “5º: Angel Casal Josenge, d/ en Real, 36-1º.
Na marxe inferior, escrito a man, pon: “Pasado Fichero”.
Acompaña este escrito o recorte de El Orzán, de martes 12 de abril, onde o diario informaba do acto que, como di, tivera lugar o domingo anterior. Na marxe esquerda, leva, así mesmo a man: “El Orzán” 12- abril 1921 (junta elegida 10-4-21). No recorte, por razóns que non se indican e que descoñezco, aparecen suliñados a man os nomes de Abelaira, Peña Novo, Bernardino Varela, Gil Rovira, Lemus, Antonio Martínez e Casal.
Resulta curioso, xa que logo, que no mecanoscrito se diga “Directiva nombrada el 12 de abril de 1.921”.
Apuntar que esa mesma xuntanza xeral da Irmandade coruñesa nomeara Víctor Casas “Adeministrador dA Nosa Terra”, segundo recollía a noticia da reunión publicada polo propio boletín, de 15 de abril.
Poucos días antes constituírase en Madrid a ‘Mocedade Céltiga’, tal como anunciaba A Nosa Terra, de 31 de marzo, no solto “O nazionalismo galego en Madrí”:
“C-o nome de ‘Mocedade Céltiga de Madrí’ vaise constituir n-aquela cibdade, organizada por varios rapaces entusiastas unha sociedade a semellanza das ‘Irmandades da Fala’ que virá a xuntar e estreitar mais as relacións entre os irmans residentes en Castela. Os rapaces que a organizan son os nazonalistas e farán que na vila podre se ouza o berro o agro das Irmandades’.
O 1.º de Abril celebraráse unha reunión da que será constituida a nova ‘Mocedade’ de que agardamos moito en favor de unha Santa Causa.
Os galegos residentes en Castela e particularmente en Madrí pódense dirixir, si queren figurar n’elaa, a Modesto Piñeiro Romero.-Calle del Arco, 23, 2.º, izquierda.-Segredario da comisión organizadora”.
Indicar que, finalmente, ningún galeguista residente en Madrid acudíu á cita viguesa, mais a relación de adherentes á mesma que recolleu A Nosa Terra, de 30 de abril, non era cativa: Valcárcel, Leuter González Salgado, Fermín F. Penzol, Ojea, Ignacio Rodríguez, Luis Cortón do Arroyo, Guillermo Cedrón, Mosteiro, Xosé Pimentel, Laxe, Pena, Prieto, Ávila, Piñeiro, Correa Calderón, Laxe, Pena, Prieto, Aurelio Ribalta e “Mocedade Céltiga”.
A Nosa Terra, de 15 de abril, o último número previo á xuntanza publicou o solto “A III Asambleia nazionalista galega”:
“Cando este número do noso Boletín chegue a man dos nosos amigos, acharáse en preparación a abertura da III Asamblea Nacionalista galega. En Vigo, na fermosa cidade honra da Terra [...]. Todol-os bôs e xenerosos confian en que os actos de Vigo sexan proveitosos. Todos agardamos que ali se poñan d’unha vez as bases d’unha estreita unidade e d’unha seria disciplina.
Entr’os persoeiros do nazonalismo que na cidade da Oliva van agora xuntarse, hainos pertencentes âs diversas crases socies: homes de negocios, industriaes, catedráticos, estudantes, obreiros, poetas, literatos i-artistas. Eles saberán erguer con dignidade i-entusiasmo a bandeira sagra das reivindicacións galegas.
¿Onde se facerá a IV Asambleia? Inda non’o sabemos. Mais sabemos, en troques, que a IV Asambleia ha ter, pol-os elementos que â mesma haberán de se invitaren, unha resoancia universal. E sabemos tamén qu’o nazionalismo galego vai camiño de triunfar xúrdio. Irmáns, bos irmáns, ‘¡sursum corda!’ ¡Terra a Nosa!”.
Non deixa de ser curioso o parágrafo final. A referencia á IV Asemblea mesmo semella profética.
Faise preciso destacar a escasa repercusión que o cumio do nacionalismo tivo na prensa diaria do país. Aínda que o silencio non foi total. Así, El Compostelano / Diario Independiente, de 16 de abril, recollía na súa sección de “Noticias” a seguinte nova:
“Mañana comenzarán en Vigo las sesiones de la Tercera Asamblea Nacionalista Gallega, organizada por el Directorio de las ‘Irmandades da Fala’. Con este motivo hemos saludado hoy en Santiago á algunos amigos de la Coruña que se dirigían á la ciudad de la Oliva con objeto de tomar parte en las sesiones”.
Compuñan a representación coruñesa unha ducia de homes, encabezados polo novo presidente , Francisco Balboa. Eran Villar Ponte, Bernardino Varela, Carballal, Xosé García Acuña, Gil Rovira, Peña Novo, Víctor Casas, Viqueira e Federico Zamora.

Nas vésperas da III Asemblea (LVI)

Te puede interesar