Música Miúda: “Este libro lévanos a reflexionar sobre estereotipos e roles de xénero”

Música Miúda: “Este libro lévanos a reflexionar sobre estereotipos e roles de xénero”
Imaxe dos integrantes do grupo Música Miúda, proxecto dirixido ao público infantil e familiar | cedida

A banda infantil Música Miúda, da que forman parte os ferroláns Irene Quinteiro e Miguel Alonso, xunto a Óscar Martínez e Manu Pazos, veñen de lanzar o seu primeiro libro-disco. A muller do grupo –escritora, psicóloga e música– achega algúns dos detalles dun traballo no que “recontamos contros tradicionais e rachamos cos estereotipos de xénero”, di. As ilustracións son de Xosé Tomás.

 

Como xurde o proxecto deste primeiro libro-disco?
Desde o noso comezo, Música Miúda fai espectáculos baseados en contos e cancións propias, así que xurdiu de forma natural a idea de facer unha publicación con algúns deles. Eu desenvolvera un obradoiro sobre estereotipos de xénero nos contos tradicionais, que despois reconvertín nun contacontos interactivo, no que a rapazada lle daba a volta ao que non lles gustaba. Daquel traballo veu a idea de recompilar todo o contido que saía naquelas sesións, xunto con outros elementos que me bulían na cabeza, co obxectivo de ensinar ás crianzas outra realidade coa que se puidesen identificar e sentirse libres de ser quen son.

 

Que salientariades do mesmo?
“Cambia o conto” non é só unha colección de cancións, senón que ten un fío condutor. O libro inclúe un conto no que a pequena Xiana nos leva, a través das súas aventuras e pensamentos, a reflexionar sobre diferentes estereotipos e roles de xénero, masculinos e femininos. Atópase con personaxes de contos populares, que reinventamos doutro xeito, e presenta outros novos, que desafían as imposicións dos xéneros. Despois, cada unha das cancións desenvolve máis polo miúdo algún dos contidos que se bosquexan no conto: o canon de beleza, a diversidade familiar, a escolla dunha profesión, o traballo doméstico, a división de xogos e xoguetes segundo o xénero...

 

Que tal resultou o proceso de creación do traballo?
Foi moi dinámico. En certo modo coordinei o traballo, no sentido de que eu era quen tiña claros os contidos que debían tratarse: ía comentando ideas cos meus compañeiros, e entre todos traballabamos as letras. Intercambiamos audios e mensaxes, letras parciais, ideas de melodías... A un tempo fixemos todo o traballo de produción: gravación, mestura... ás veces xuntos, outras por separado. Traballamos moito... pero que ben o pasamos!

 

Como naceu o voso proxecto musical Música Miúda?
O xerme do grupo está nas aulas de iniciación a música que impartimos Miguel Alonso e eu en centros educativos. Comecei a escribir contos para apoiar algunhas aprendizaxes, e el a compoñer cancións baseadas nesas historias. Con ese material fixemos os primeiros contacontos en bibliotecas. O proxecto foi medrando coa incorporación de Óscar Martínez, que tamén compón connosco, e posteriormente Manu Pazos, que colabora nos directos. Ademais dos contacontos, tamén temos un concerto eléctrico, puramente musical, no que facemos moita festa.

Música Miúda: “Este libro lévanos a reflexionar sobre estereotipos e roles de xénero”

Te puede interesar