Miguel Alonso: “A música é moi importante nesta segunda novela e tamén hai unha gran crítica social”

Miguel Alonso: “A música é moi importante nesta segunda novela e tamén hai unha gran crítica social”
Miguel Alonso, nado en Ferrol, vive na actualidade no concello de Brión

Miguel Alonso (Caranza, Ferrol, 1984) lanzou a finais do pasado ano a súa segunda novela, “O caso dos amantes de París” (Belagua Ediciones) –ambientada de novo en Santiago de Compostela– para seguir entretendo aos lectores coas aventuras da estudante de Psicoloxía Laura Mariño. O autor, cuxa traxectoria profesional está tamén moi ligada á música –ten publicados tres discos ademais de desenvolver outros proxectos como Minguante ou na banda infantil Música Miúda–, ten xa en mente novas tramas con esta moza como protagonista.


Que nos pode contar desta segunda historia? Que salientaría da mesma?

“O caso dos amantes de París” comeza onde remata “O caso Quintana”, aínda que ambas poden lerse por separado sen problema ningún. Nesta historia podemos ver unha Laura Mariño á que se lle complica a vida coa fama acadada por mor do caso anterior, véndose obrigada a resolver dous asasinatos para salvar o seu nome. A música é moi importante na trama, xa que todo o libro está salpicado de referencias á “chanson” francesa. E, coma sempre, hai unha gran crítica social, e, no punto de mira de Laura, pouco afeita a calar ante as inxustizas, está o xornalismo despiadado que practican algúns medios.


Como foi a resposta do público á primeira novela?

A primeira novela de Laura Mariño, “O caso Quintana”, que a editorial Belagua publicou en 2017, tivo moi boa acollida, acadando unha segunda edición. Imaxino que as peculiaridades da propia Laura tiveron algo que ver. A resposta da xente foi marabillosa, mesmo escribíndome mensaxes para pedir que continuase coa historia, algo que eu xa pensaba facer.


De feito, refírese á historia de Laura Mariño como “Os casos do cuarto 010” para englobar as dúas novelas publicadas e “as que virán”, di... Xa ten nova historia na mente?

Para min as historias de Laura Mariño conforman un universo, que comezou en forma de pequenos relatos que, supoño, tamén verán a luz algún día. Eses relatos, as novelas que viñeron e virán e, mesmo, as microhistorias que vou pendurando conforman o que chamo “Os casos do cuarto 010”. E si, xa hai nova historia en mente. A ver se se deixa escribir.


Que lle aporta a escrita?

Permíteme habitar novos mundos que non vin, algo que tamén acado coa lectura. Neste caso, crear unha detective como Laura, unha moza diferente e cunha forte personalidade, permíteme facerlle unha homenaxe ao neno lector que fun, ao que, coido, lle gustarían moito estas historias.


Outra parte esencial da súa traxectoria é a música, moi presente tamén nas novelas. Que proxectos tes na actualidade neste eido?

Ademais da miña faceta como cantautor, ando enleado en outros dous proxectos. Un é Minguante, unha mistura de pop e música de autor, xunto a Óscar Martínez, e outro é a banda infantil Música Miúda, xunto a Irene Quinteiro, Manu Pazos e Óscar, unha vez máis. As dúas bandas publicarán novos traballos este ano. E, agardo, en 2023 publicar algo en solitario.


Cómo afrontou vostede este tempo duro que nos tocou vivir coa pandemia e que tan complicado foi tamén para o sector cultural?

A min afectoume bastante a nivel laboral, como músico e profesor de guitarra, xa que se fixo moi complicado poder traballar coas restricións asociadas á pandemia. O sector cultural foi duramente golpeado pola situación e notei que se nos esquecía, coma tantas veces. Aínda así, resistimos.

Miguel Alonso: “A música é moi importante nesta segunda novela e tamén hai unha gran crítica social”

Te puede interesar