A metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo celebra en Ferrol os seus 10 anos na UDC

O xoves haberá no Campus actuacións musicais, a Feira de Entidades e unha exposición, entre outras actividades
A metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo celebra en Ferrol os seus 10 anos na UDC
Algúns dos proxectos foron exhibidos nunha exposición da Oficina de Cooperación e Voluntariado na sala anexa ao auditorio | JORGE MEIS

Este xoves, o salón de actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol será o escenario principal dunha celebración especial da Universidade da Coruña –UDC–, na que, a partir das 10.00 horas, se recoñecerá ás persoas e entidades que colaboraron o longo dos últimos 10 anos nos Proxectos de Aprendizaxe e Servizo –ApS–. A traxectoria desta metodoloxía docente conmemorarase cunha xornada completa na que se ofrecerán distintas actividades, entre as que se atopa a inauguración dunha exposición que recolle algúns destes traballos en preto de 100 pósters.


Os 268 proxectos en total, entre os Campus da Coruña e Ferrol, que se puxeron en marcha a través da Oficina de Cooperación e Voluntariado –OCV– e do Centro Universitario de Formación e Innovación Docente –Cufie–, implicaron a 8.681 estudantes, 235 profesores e profesoras e 159 entidades. Todos desenvolveron a mesma metodoloxía docente, que integra nunha mesma proposta formativa a aprendizaxe académica coa prestación dun servizo á comunidade.


A xornada estará amenizada polas actuacións de Lara de la Iglesia, unha das voces do Toxos e Froles, co acordeonista Joaquín Enríquez, a bandurrista ucraína Solomiia Savchuk e as finalistas no Talentiño Sabela Castro, na categoría de vocalistas, e Xiana Ruiz, na de instrumentalistas.

 

O programa inclúe a conferencia “10 anos de Aprendizaxe e Servizo na UDC”, ás 10.15, a cargo da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, seguida da proxección audiovisual “10º aniversario da ApS na UDC”, un contido elaborado polo persoal do Cufie.


As actividades que terán lugar neste espazo complementaranse con outras posteriores como o acto de apertura dunha mostra, ás 11.00 horas, na sala de exposicións do Centro Cultural Universitario. A proposta consistirá na exhibición dalgúns dos traballos de ApS que se realizaron nos últimos dez anos na UDC, nas áreas de coñecemento de arquitectura e enxeñaría, ciencias, ciencias da saúde, sociais e xurídicas ou nas artes e humanidades.


A Feira de Entidades encherá a praza da Facultade de Humanidades e Documentación, dende as 12.30 horas, con 17 postos informativos, que darán a coñecer o labor realizado na comunidade universitaria por cada un deles: Acougo, ASCM Galicia, Aspanaes, Betula, Cogami, Dignidad Galicia-Ferrol, Fundación Enki, EuroEume, Fundación ONCE, Xanela, Mundo Sen Guerras, Amnistía Internacional, Cruz Vermella, Enxeñería Sen Fronteiras –ESF—, Campaña Mundial pola Educación e Manos Unidas.

 

Para despedir o encontro, ás 13.30 horas está previsto que comece a entrega dos IV Premios a Proxectos de Innovación Docente en ApS da UDC

A metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo celebra en Ferrol os seus 10 anos na UDC

Te puede interesar