Medran as queixas pola espera para ingresos dos doentes de Urxencias

Medran as queixas pola espera para ingresos dos doentes de Urxencias
Arquitecto Marcide Festa de entroido cos disfraces de superheroes creados polos nenos e nenas

As Urxencias do hospital Arquitecto Marcide están a rexistrar durante os meses de xaneiro e febreiro unha afluencia maior á media doutros anos neste mesmo período. A xerencia explica que esta situación está a provocar esperas máis longas do habitual para os ingresos en planta. Aseguran que está activado na súa totalidade o Plan de Inverno, que prevé reforzos de persoal para a atención de picos de actividade e tamén a apertura de camas de hospitalización (ata 45). Este plan, deseñado desde a área en outono, funciona en tódalas súas fases, camas incluídas, comentaban onte.

Malia iso, a situación de saturación das Urxencias fai que os doentes e os seus familiares aumenten as súas queixas. Unha destas pacientes denunciaba onte que pasara xa dúas noites coa súa filla (maior de idade) neste servizo, sen que a chegasen a ingresar en planta.

Desde o Sergas lamentan que se produzan retrasos nos ingresos e explican que algunhas das causas que elevan a afluencia poden ser a gripe (que está no seu momento máis alto do ano, empezando un descenso que aínda non ten incidencia na disminución dos problemas asociados) ou as características dunha poboación cada vez con máis idade, o que aumenta as complicacións de saúde.

Dáse ademais a circunstancia de que as Urxencias de Ferrol son pequenas, o que fai que os pacientes, en función da gravidade da súa situación, poidan estar agardando nos corredores. As obras do Plan Director, que xa comezaron pero que durarán tres anos, prevén un espazo novo, considerablemente maior. Porén, será o último servizo que se traslade, cando xa estean rematados os dous edificios novos cos que se incrementará o complexo hospitalario.

Supercerebro e Superinsulítica, os heroes que poñen vida ao Entroido dos nenos do Marcide

A Aula Hospitalaria do Arquitecto Marcide, á que acoden os nenos ingresados para continuar coa súa escolarización durante ese tempo, celebrou onte o Entroido con superheroes moi especiais. Estomagoman, que ten baixo control as enfermidades do estómago; Superinsulítica, que domina a diabetes; Superdiabética, que “cura os nenos con diabetes co vento cando pasa preto deles”; ou Supercerebro, “que cura os nenos que teñen virus na cabeza soprando”, cobraron vida nos disfraces que os pequenos prepararon nos últimos días, xunto coa súa profesora.

A coordinadora do proxecto, Pilar Porta, subliña que “a través da asignación de superpoderes” e “do xogo e da creatividade”, os nenos “afrontan os seus medos”. Esta iniciativa xa tivo moito éxito o ano pasado, polo que se decidiu repetir.

A festa de Entroido contou coa colaboración de distintas áreas do hospital, como a das enfermeiras da UCI de Pediatría, que axudaron a concretar os deseños dos superheroes; as costureiras de Lavandería, que confeccionaron as capas; ou Cociña, que aportou doces típicos destas datas. Ademais, traballouse en colaboración co CEIP A Magdalena, das Pontes, que cedeu actividades e xogos elaborados polos alumnos especialmente para os seus homólogos da Aula Hospitalaria.

Este espazo lúdico e educativo abriuse na área sanitaria ferrolá en 2007 e conta con capacidade para unha trintena de nenos e nenas ata os 18 anos. Reciben a unha media de seis rapaces ao día. Hai espazos específicos para os escolares de Infantil e os de Primaria, así como un recuncho de lectura, e outro de novas tecnoloxías. Durante a mañá lévanse a cabo actividades vencelladas ao currículo escolar, e pola tarde convértese nun lugar máis pensado para o ocio. A Facultade de Enfermería e Podoloxía, a asociación ADRA ou a Cruz Vermella son algunhas das entidades que colaboran con esta Aula a través de programas para aprender os sistemas básicos do corpo, relacións cos maiores ou papiroflexia, entre outros.

Medran as queixas pola espera para ingresos dos doentes de Urxencias

Te puede interesar