miércoles 21.08.2019

Marián Ferreiro | “Confiar na oposición, crer que viña facer un goberno polos veciños foi un erro”

Marián Ferreiro, actual rexidora e candidata á Alcaldía de Narón por Terra Galega | daniel alexandre
Marián Ferreiro, actual rexidora e candidata á Alcaldía de Narón por Terra Galega | daniel alexandre

Marián Ferreiro (Narón, 1977) concurre por primeira vez como candidata á Alcaldía de Narón tras levar as rendas goberno durante máis de ano e medio, trala marcha de José Manuel Blanco. A súa presenza nas listas de Terra Galega, remóntase a hai varias eleccións, non foi ate 2015 cando pasou á primeira liña ocupando o número dous. Hoxe abandeira o proyecto de TEGA.

É a súa primeira cita coas urnas como cabeza de lista de TEGA, cre que ter “herdado” a Alcaldía lle condiciona para este domingo?

Nós somos un equipo e presentámonos ás eleccións con traballos feitos durante estes catro anos e con resultados positivos. Eu penso que favorece formar parte dun goberno estable, formar parte de como está Narón agora mesmo. A sensación que teño na rúa é boa, os actos electorais que estamos levando a cabo están tendo moi boa acollida. Cheguei á Alcaldía por un procedemento habitual cando partiamos de que o exalcalde José Manuel Blanco xa anunciara que se ía xubilar ao cumprir os 65 anos, eu ocupaba o número dous da candidatura fun cunha votación ao pleno é accedín ao cargo.
 
Este mandato ten suposto a súa estrea na primeira liña da política, primeiro como concelleira de Cultura e logo como alcaldesa,  como o ten vivido?? 

A verdade é que a responsabilidade é diferente. Sendo alcaldesa é moito maior, nunha área concreta tí  controlas desa área, aínda que eu era portavoz e tiña que ter unha visión xeral de todo, pero cando collín o bastón de José Manuel Blanco, a responsabilade mudou e a implicación tamén. Máis que nada porque o abano de tódalas áreas das que tes que estar pendente faite ter máis adicación, evidentemente. 

Ten recibido críticas dende que está ao fronte do goberno, cal lle doeu máis? 

Tanto eu como o noso equipo asumimos as críticas, sempre e cando sexan constructivas. Cando se rompe esa barreira eu creo que en política non vale todo e hai determinadas cousas que nin sequera vou reproducir. Realmente se nos fan algunha crítica á nosa xestión, poderemos dicir por que pasou iso. Eu entendo aí unha crítica constructiva, cando van á persoa nin sequera vou perder o meu tempo nin en recordalas nin en reproducilas. 

Dos sete candidatos nesta “carreira” pola Alcaldía, so dous son mulleres, cree que a política de Narón precisa máis presenza feminina? 

Non só a Narón, creo que a precisan todos os concellos. Hai teitos de cristal que todavía hai que romper, estamos niso e Narón é un exemplo de como unha muller pode gobernar porque o podemos facer igual que o poden facer os homes, en todos os aspectos da nosa vida e todas as cousas que nos plantexemos. Todavía quedan camiños por percorrer pero Narón ten moito avanzado e penso que podemos dicir que é un concello modélico con nove mulleres na corporación. 

Afrontar un goberno tripartito pode ser complicado, pero non parece así en Narón, como se goberna con tres sensibilidades? 

Temos unha maioría ampla, dez concelleiros, somos a Alcaldía. Cando fixemos o pacto de goberno establecimos as nosas prioridades que era o noso programa electoral e a xente que veu pactar con nós, a xente que se meteu neste goberno, tiña claro que o que queríamos era levar a cabo o noso programa. Tiña claro cal era o proxecto que Terra Galega tiña para Narón neses catro anos e así o mantivemos. E con iso claro dende o inicio e con moito diálogo, deixando atrás as siglas, por dicilo así, por loitar polos intereses dos veciños, a situación é boa. Sempre houbo vontade de chegar a entendementos que é moi importante porque ás veces senón existe esa vontade por moito que fales non se consegue nada. A verdade é que teño que agradecer que o Concello seguise avanzando desde que se foi José Manuel Blanco. 

De non sacar maioría, estarían dispostos a revalidar a fórmula? 

Terra Galega preséntase ás eleccións para ter unha maioría ampla para poder gobernar. Iso é o que nós a día de hoxe queremos para Narón. O domingo a partir das once da noite podemos falar pero en principio nós presentámonos para ter esa maioría que nos permita gobernar.

Facendo autocrítica... un acerto e un erro deste mandato 

Acertos pódollee dicir que a situación económica do Concello é moi boa, temos unha débeda bancaria cero, baixamos e conxelamos impostos, temos uns servizos de calidade e tivemos o orzamento máis grande da historia do Concello de Narón. Para mín iso é unha boa xestión e son acertos.Como erro confiar na oposición, crer que a oposición viña facer un goberno por e para os veciños de Narón e non por outras cousas, iso aprendímolo.

Faga unha proposta breve para cada unha das seguintes áreas...

Urbanismo: Queremos facer unha cidade máis humana, máis accesible, con beirarrúas máis anchas, máis arbolado, más mobiliario urbano, máis axardiñamento e que os veciños se atopen máis cómodos na rúa. Outra das cousas que queremos levar a cabo é o noso plan de urbanismo que xa temos moi avanzado. Non imos precisar estes vindeiros catro anos para marcar esas directrices do que vai ser o Narón do futuro a través dese PXOM.

Benestar Social: Unha das cousas que queremos levar a cabo é unha residencia para maiores. Non podemos facela sos, ao igual que non podiamos facer o centro de saúde. Nós puxemos en torno a dous millóns de euros máis, os terreos e a urbanización da contorna e das rúas. Queremos algo así para a residencia. Pedimos pero tamén estamos dispostos a colaborar e aportar. Queremos tamén un centro integrado de emprego no que se impartan as disciplinas que melloren a oferta formativa do noso concello vinculada á demanda dos nosos polígonos. Temos feito ese estudio e queremos que se contemple. Será coma un instituto de FP, algo que tampouco é competencia nosa pero esperamos poder levar a cabo a través dun convenio ou aportando o chan para que se poida facer... Son necesidades importantes para os nosos mozos e mozas se podan insertar no mundo laboral no noso concello sen ter que marchar.

Cultura: Sempre nos dín que gastamos moito en cultura e nós dicimos que invertimos e seguiremos apostando pola cultura e por formar parte desas redes de teatro e de música o próximo mandato. Xa empezamos a descentralizar as actividades do Pazo levando propostas aos barrios e as parroquias para xerar movemento de xente, pero temos uns contenedores culturais de primeiro nivel que queremos seguir enchendo. 

Economía: Cremos que temos unha situación económica boa. Estamos en niveis de alta na seguridade social maiores que os previos á crise, en 2008. Ese é o camiño a seguir, implementando medidas para os nosos empresarios, con rebaixas nas parcelas do Río do Pozo e tamén fiscais para os emprendedores e para as empresas xa asentadas. Empezamos este ano e queremos seguir ampliando ese abano para que máis empresas podan ser receptoras deses incentivos.

Que resultados esperan acadar este domingo? 

As expectativas son boas. Vimos dun traballo feito, levamos anos cun claro proxecto para Narón e cremos que a cidadanía nos vai dar a oportunidade para seguir completando ese proxecto e seguir transformando Narón na cidade que queremos.

Comentarios