María Jesús Movilla | “Todo é mellorable, pero a integración das escolas de enxeñería foi boa”

María Jesús Movilla | “Todo é mellorable, pero a integración das escolas de enxeñería foi boa”

A unificación das dúas escolas de Enxeñaría era unha vella demanda que se materializou o curso pasado. A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, non oculta que foi un proceso “complexo”.

 

Que valoración fai da integración das escolas?
Houbo que reorganizar e planificar con máis títulos, con horarios que se sumaban aos que xa existían, aumentar o número de estudantes, xerar os espazos e adaptar os laboratorios para que tanto a docencia teórica como a práctica puidesen ser efectivas e nas mesmas condicións que se estaba a dar. A dirección do centro naquel momento traballou duro e eu non podo máis que salientar o grao de implicación para que as molestias fosen as menores posibles. Evidentemente, nun proceso tan complexo sempre hai aspectos mellorables, pero coido que o proceso de integración foi bo. Non me atrevería a dicir moi bo, pero si que foi bo.

Comeza un novo curso académico en que, a falta de que se peche a matrícula, se estima un incremento do alumnado. 
Fago unha valoración tendo en conta o contexto da cantidade de poboación que neste momento podería optar por facer os seus estudos universitarios aquí. Todos somos conscientes de que esa poboación baixou, e estamos preo-cupados por iso, pero este Campus partía da previsión de que se mantiveran os datos do ano pasado e, porén, estes indícannos que subimos un pouquiño. Dentro do contexto que se agardaba, é unha boa nova. 

Cantos alumnos e alumnas hai? 
É un dato que aínda non está pechado e temos que ser prudentes, pero arredor de 2.700 estudantes, contando a Universidade Sénior.

 

Este curso ponse en marcha un novo mestrado, o de Fabricación Aditiva. Que expectativas ten? É un exemplo da capacidade de reacción das universidades para adaptarse ás novas realidades?
O mestrado xorde da proposta do mapa a través do estudo Feuga que pediu a Consellería e, polo tanto, é unha das ofertas nas que se implica a UDC. Cando unha universidade acolle un título espera que resolva favorablemente. Aínda non temos datos, mais as expectativas son boas. O título responde a unha demanda e vén avalado por ese estudo coas empresas e colectivos implicados en contratar profesionais con este tipo de cualificación. As universidades, nos procesos de creación e adaptación de títulos, teñen que seguir a normativa e as estruturas existentes, e o mapa de títulos de Galicia vén condicionado polo acordado dentro do Sistema Universitario Galego coa Consellería, polo que a UDC traballará con todos os seus recursos para adaptar os seus títulos e a súa oferta á realidade que serve, que é a sociedade. 


Nos vindeiros meses completarase o traslado dos laboratorios que quedan no edificio de Serantes?. Que plans teñen para el? 
Nas próximas semanas trasladarase o laboratorio de Polímeros ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Industriais e Navais e, despois, o de Radioactividade Ambiental ao CIS de A Cabana, onde estamos facendo as obras, que teñen unhas características moi especiais. Con respecto ao edificio, a UDC está aberta a que poida ser utilizado por outras institucións e o máis desexable sería que revertese na contorna. Non hai neste momento ningún plan concreto enriba da mesa; parécenos que o máis apropiado é sacar adecuadamente os laboratorios e, a partir de aí, xa se estudarán opcións. E desde aquí fago un chamamento ás institucións para que pensen nese edificio como unha posibilidade para levar a cabo proxectos que, reitero, revirtan na contorna.

 

O número actual de prazas públicas de residencia é limitado. O Sánchez Aguilera é un bo sitio para construír unha? 
Se a pregunta é se a distancia entre o Sánchez Aguilera e o Campus é a acaída, o certo é que para calquera instalación vinculada á universidade é un espazo moi interesante porque está moi próximo e seguimos facendo vida universitaria dentro da cidade. A partir de aí hai que recoñecer que temos un número reducido de prazas públicas de residencia e ese sería un proxecto máis a medio prazo encamiñado a ter unha residencia universitaria cunha oferta máis ampla.

 

A finais de ano remata o mandato do actual equipo reitor. Ten tomada algunha decisión? 
A título persoal debo dicir que tiña un compromiso co actual reitor, Julio Abalde, ao que lle agradezo a oportunidade e a confianza. Aínda quedan uns meses e quero centrarme en finalizar os proxectos aos que nos comprometemos. Creo tamén que é o momento de formular equipos novos, que dean continuidade e que, ao tempo, teñan outras visións, máis frescas, non tan “vividas” como as de quen levamos aquí varios anos. No meu caso estou segura de que, alí onde estea, a miña lealdade institucional á UDC sempre estará presente e implicareime nos proxectos que, desde a miña pequena contribución, permitan poñer á Universidade nun lugar que xa ten. 

María Jesús Movilla | “Todo é mellorable, pero a integración das escolas de enxeñería foi boa”

Te puede interesar