María Jesús Movilla | “Dada a situación poboacional, é moi bo dato manter a matrícula”

María Jesús Movilla | “Dada a situación poboacional, é moi bo dato manter a matrícula”
María Jesús Movilla, vicerreitora do Campus Industrial de Ferrol | emilio cortizas

Non dubida á hora de escoller o termo que mellor define o comezo do curso actual: “normalidade”. Unha normalidade, ademais, “moi desexada por todos, porque desde marzo de 2020 tivemos que manexar un montón de incertidumes e situacións para as que non contabamos con experiencia nin ás veces con recursos”.


Hai case un mes, o 5 de setembro, o alumnado e profesorado da Universidade da Coruña incorporábase ás aulas para iniciar o novo curso sen mascarillas, sen distancia de seguridade, sen protocolos covid... e iso, di a Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, “fai que nos centremos no que realmente nos temos que centrar, que á a docencia, a integración dos estudantes no campus, a investigación e o feito de facer campus, de facer universidade”.


Nese labor inviste os seus esforzos María Jesús Movilla, que desde xaneiro de 2020 exerce como máxima representante dun campus que abriu ás portas ao novo curso con varias novidades. Unha das principais ten que ver coa integración de toda a comunidade universitaria en Esteiro logo da unión das dúas escolas politécnicas na Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol. “Acolle a máis de 1.000 estudantes, converténdose así nun dos grandes centros da UDC”, salienta.

 

 

Logo da integración destes dous centros, que plans ten a Universidade da Coruña para o edificio de Serantes, ao quedar xa sen docencia?


Quedan aínda no edificio da antiga Escola Universitaria Politécnica de Serantes dous grupos de investigación, pero imos comezar a adaptar os espazos tamén para integralos no Campus e estamos á espera da finalización da obra do antiguo edificio de Batallóns para que complementen os espazos de despachos para o profesorado. Aínda agora algún profesor vinculado á EUP que tiña alí o seu despacho ten que conciliar a súa docencia en Esteiro e utilizar cando o considera necesario o seu espazo na EUP. Eu aproveito para agradecerlles o ben que están a levar esta cuestión, que aínda tardará uns meses en estar resolta e a verdade é que foron moi facilitadores, tanto o estudantado como o profesorado como os investigadores, porque nunha situación como foi a de pandemia durante a que estivemos facendo todos os procesos para a integración, só recibín consideración en positivo, para tratar de resolver as cuestións que se nos ían formulando e ao final todos queriamos chegar ao punto común da integración.

 

 

Cando está previsto que quede resolta esta cuestión?


O noso proxecto é que durante o segundo cuadrimestre, é decir, durante a primeira metade de 2023, poidamos ter xa o edificio sen ningún tipo de actividade. No caso de que se retrasasen estes plans, evidentemente para nós o que é prioritario son os nosos usuarios, entón o edificio habería que mantelo en uso ata que os espazos novos deses grupos de investigación estean adaptados ás súas necesidades.


 


E cal será o novo fogar destes dous laboratorios?


En principio, unha das propostas sobre estes grupos é que o de Radioactividade Ambiental se traslade ao CIS, como xa se fixo previamente con algún outro laboratorio a través dun convenio, e o de Polímeros trasladaríase para o centro de investigación do campus de Esteiro. Son propostas nas que se está a traballar. É moi importante que os investigadores e os coordinadores dos grupos estuden os espazos co noso servizo de arquitectura. Quero amosar tamén o agradecemento ao CIS da Cabana pola dispoñibilidade de conveniar con nós espazos para laboratorios que esixen determinadas características e estamos a traballar conxuntamente; e a verdade é que cando doutro lado tes a alguén que quere colaborar, pon as cousas moito máis doadas.

 

 

Unha vez sexan trasladados estes laboratorios, que opcións baralla a Universidade da Coruña para o edificio que durante tantos anos albergou a “escola de peritos” e que chegou a ter ata 2.000 estudantes nas súas aulas?


En principio a UDC neste momento non ten pensado o seu uso para ningunha actividade da Universidade, porque a intención é centrar toda a actividade académica, investigadora, de xestión e transferencia no campus de Esteiro. O reitor xa manifestou no seu momento que a Universidade estaría aberta a estudar opcións e sempre buscando unha que se enmarcase dentro dunha idea social e que encaixase ben para a comunidade onde está o edificio. Pero en principio, enriba da mesa, agora mesmo, non é unha prioridade, senón que a prioridade é ir pechando e retirando os grupos e recursos que temos aínda no edificio, e unha vez que dunha maneira pausada e ben feita fagamos iso, pois a quen corresponde, que é o reitor e a xerencia da universidade, estudarán todas as opcións.

 

 

Outra das novidades do curso foi a implantación dun novo grao na Facultade de Humanidades que xa no primeiro chamamento cubriu as prazas dispoñibles (27). Que tal está a ser o comezo do novo programa?


Está arrancando e como todo título que arranca hai que ir resolvendo cuestións que van aparecendo. É un título interuniversitario, no que comparte docencia a Universidade de Vigo (no campus de Ourense) e a UDC no de Ferrol. Estamos tamén moi sorprendidos en positivo pola aceptación que tivo. Son estudantes moi comprometidos, cunha alta motivación e esperamos estar á altura das súas aspiracións.

 

 

Continúa a traballar a Universidade da Coruña no deseño de novos estudos?


A Universidade nunca se para e non se pode parar porque temos unha situación de servizo á sociedade e polo tanto temos que estar continuamente facendo un exercicio de reflexión de manter esa parte máis central que é formar ao cidadán pero coas competencias máis transversais pero ao mesmo tempo competencias profesionales que estean dacordo ás necesidades da sociedade. É público que desde a Consellería de Educación da Xunta se fixo o estudo Feuga onde se fai un estudo das necesidades de títulos. Dentro do contexto do SUG si se está a traballar tanto en mestrados como na posibilidade de graos, pero non é unha inmediatez. Si hai grupos traballando; a vicerreitora de organización académica está traballando de xeito importante neste tema e nos centros do campus hai grupos de traballo para estudar a posibilidade de incorporar  máis títulos; por agora é unha situación de brote, de xerme, aínda non hai nada pechado, pero hai un estudo Feuga que reflicte por onde van os tiros.

 

 

Polo que xa avanzaron no comezo de curso, os datos de matrícula mantense este curso no Campus de Ferrol. ¿Como se valora isto desde o Vicerreitorado?


Si, estamos nunha situación moi similar a do curso pasado, cando superamos os 2.600 estudantes. Dada a situación poboacional que temos no rango da idade universitara, manter este dato creo que é moi bo. O feito de medrar sería un excelente dato e unha ambición que debo ter como vicerreitora, porén manterse así sería perfecto.

 

 

¿Como definiría vostede o Campus Industrial de Ferrol?


É certo que o Campus Industrial de Ferrol leva practicamente a explicación no nome, pero a min me gustaría facer dous matices: é un campus especializado na industria, na industria intelixente, na industria do futuro, pero hai outras características dentro deste campus como que é humanístico, con titulacións vinculadas ás humanidades, como o grao en Relacións Internacionais ou o de xestión documental; o grao de Enfermaría, Podoloxía, Ciencias do Traballo... É un campus especializado na industria intelixente pero sen perder de vista que o centro e á persoa e á sociedade,  ás que ten que dar resposta das súas necesidades. Nesta liña traballamos no campus industrial. 

María Jesús Movilla | “Dada a situación poboacional, é moi bo dato manter a matrícula”

Te puede interesar