Marcos Lorenzo: “A felicidade pasou a ser un obxectivo de vida obrigatorio e aspirar a algo tan complicado é fonte de frustración”

Marcos Lorenzo: “A felicidade pasou a ser un obxectivo de vida obrigatorio e aspirar a algo tan complicado é fonte de frustración”
Marcos Lorenzo presenta mañá no Ateneo Ferrolán o seu terceiro libro | jorge meis

En 2013, Marcos Lorenzo escribiu un libro sobre a vida do poeta Juan Carlos Valle “Karlotti”, un dos impulsores da Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol, que lle serviu para reflexionar sobre os estilos de vida de hoxe en día. “Dado que tivo unha vida tan pouco convencional, o contraste coa miña servíame para esa reflexión”, conta. Agora, en conexión co anterior pero desde unha perspectiva máis teórica, o economista e xestor cultural –desde hai máis dun ano e medio é Técnico de Cultura do Concello de Ferrol– profundiza no tema da felicidade para intentar responder a varias preguntas: “canto somos de felices en Galicia e que entendemos nós por felicidade”. Mañá xoves presenta a súa obra, editada por Embora, no Ateneo Ferrolán (19.30 horas).



Logo dunha contextualización histórica do que se entendeu por felicidade ao longo de diferentes períodos e correntes filosóficas, no seu libro recorre a estatísticas oficiais para tentar dar resposta ao grao de felicidade que teñen os galegos e galegas. Que datos salientaría?
Pois o que me atopei foi brutal, uns datos demoledores. Segundo o INE, a taxa de suicidios en Galicia é un 50% superior á media española. No consumo de psicofármacos somos líderes con Asturias. Galicia é tamén a primeira comunidade autónoma en consumo de tranquilizantes e un 40% máis que a media española. En antidepresivos, é a segunda, un 80% máis que a media española. Son uns datos brutais. E todo isto se suma ademais a que a dotación de psicólogos na sanidade pública galega, no Sergas, é minúscula en comparación coa media española, que á súa vez é minúscula en comparación coa media da Unión Europea.

Que reflicten os datos neste sentido?
Agora cambiaron os datos, que acaban de ser actualizados polo Colexio de Psicólogos, pero no libro baséome nunha información anterior publicada polo colectivo que dicía que había 1,2 psicólogos por cada 100.000 habitantes no Sergas; situándose esta cifra entre 3 e 4 na sanidade española e en 19 na media da Unión Europea. Pero para tratar este tema da felicidade non é só cuestión de saúde mental, tamén hai outras variables, outros indicadores, que son interesantes.

Como cales?
Pois, por exemplo, según o INE, Galicia é a comunidade con menor satisfacción coa vida. Tamén o CIS sacou uns datos, aínda que a mostra é demasiado pequena para Galicia, onde se dicía que as galegas e os galegos son os que menos puntuaron o apartado do grao de felicidade que senten. Tamén a OCDE ten datos internacionais onde de novo se ve que en Galicia a satisfacción coa vida é das máis baixas de España. Todos os indicadores apuntan nun mesmo sentido, que temos un problema importante neste ámbito e que é un problema que vai máis alá da saúde mental. Cómpre coñecer a que é debido e a partir de aí tomar decisións desde a esfera política.

No libro fala de varios factores para explicar esas diferencias coa media española...
Polo que vou lendo de xente que son expertos na cuestión, fálase basicamente de tres factores para explicar esta diferencia: da carencia de recursos, da pobreza e do risco de pobreza; do envellecemento da poboación e a mala saúde; e a soidade e a baixa satisfacción coas relacións persoais. Vai máis alá das cuestións de saúde mental e hai outras cuestións implícitas económicas, demográficas, habitacionais...

Pode influir tamén a derivación que o propio concepto de felicidade foi experimentando co tempo da man dos novos modelos de sociedade?
Eu creo que derivado da sociedade de consumo, a felicidade pasou a ser normativa, un obxectivo de vida obrigatorio. Entón, claro, aspirar a algo que remite a unha idea de plenitude en todo momento, aspirar a algo tan descomunal, un obxectivo tan complicado de conseguir, é unha fonte de frustración. Agora mesmo parece tamén que a felicidade é unha cuestión estritamente individual, de canto benestar, satisfacción e pracer podes ter a curto prazo. Pero noutros momentos foi unha cuestión colectiva, do progreso colectivo, das mellores condicións de vida de amplas capas da poboación, de procurar a igualdade, etc. Por exemplo, un dos autores do libro, máis no campo da ciencia política, di que deberamos camiñar cara unha sociedade con menos necesidades materiais, con máis dispoñibilidade de tempo e con relacións sociais ou con redes sociais máis densas, con máis comunidade.

De todo isto fala no primeiro escrito. Que atopará o lector no segundo?
No segundo escrito aparecen máis de trinta persoas do ambiente máis ou menos cultural de Galicia que falan do que é para eles a felicidade. Aí vese a variedade de perspectivas e miradas que hai sobre o tema. 

Marcos Lorenzo: “A felicidade pasou a ser un obxectivo de vida obrigatorio e aspirar a algo tan complicado é fonte de frustración”

Te puede interesar