O maratón de exames das PAU acada o seu ecuador no Campus de Ferrol

O martes comezaron as primeiras probas da convocatoria ordinaria, que seguen este mesmo mércores e xoves, antes da saída das notas
O maratón de exames das PAU acada o seu ecuador no Campus de Ferrol
Durante estes tres días, a zona de Esteiro acolle aos seus potenciais futuros alumnos | JORGE MEIS

O alumnado da comarca que este ano realiza as Probas de Acceso á Universidade –PAU– tivo o seu primeiro acercamento a este ámbito onte martes no Campus Industrial de Ferrol, onde se celebrou a xornada inaugural de exames. Este mesmo mércores as probas comezan máis cedo, ás 9.30 ou media hora antes para o estudantado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo –NEAE–, coa asignatura de Primeira Lingua Estranxeira.


Nos catro centros que acollen os exames, as Facultades de Humanidades e Documentación e Ciencias do Traballo, así como a EPEF e a EUDI, e tamén a nivel autonómico, os aspirantes estreáronse coa materia de Lingua Castelá. Precisamente esta asignatura, xunto a de Galego, que se abordará o xoves, é na que teñen máis peso criterios de corrección como a ortografía e a coherencia na resposta, tal como lembrou na presentación Elisa Beceiro, delegada da UDC na CIUG dende o mes de xaneiro.


En calquera caso, as primeiras impresións dos alumnos e alumnas foron, en xeral, de alivio. Despois dos nervios que sufriron moitos na noite previa, salvo experiencias máis calmadas como as de Uxía López e Alba Bieito, do IES As Telleiras, enfrontarse á primeira proba relaxou os ánimos. “Me di cuenta de que lo peor ya lo hemos pasado, que estar aquí ya es un mérito”, valora Laura Lage, do Saturnino Montojo, unha das que ten claro o seu próximo destino preferido: estudar o grao en Dereito na UDC.


Estas tres estudantes, ademais do resto de enquisados, coincidiron en que a “la gramática era bastante fácil: adverbios, generar textos con perífrasis...”, segundo concretou Alberto Pérez, do Sofía Casanova. Xunto a el atopábase Hugo López, do Tirso de Molina, un caso dos que aínda non saben en que se van especializar, o que lle beneficiou na falla de nervios.


O resultado destes tres días de exames de convocatoria ordinaria repercutirá no seu futuro, unha situación que poderán ter máis clara os estudantes a partir do xoves 12, cando se publicarán as cualificacións provisionais. Para obter a nota definitiva, deberá agardarse unha semana máis, até o xoves 19.
“Sabemos que los alumnos gallegos están muy bien formados, como así refleja el informe PISA, por lo tanto, creemos que no van a tener ninguna dificultad”, concluíu Elisa Beceiro.


Prazos

Os interesados en matricularse na convocatoria extraordinaria poderán facelo do día 12 ao 16. Neste último caso, as probas realizaranse durante as xornadas do 1, 2 e 3 de xullo. 

O maratón de exames das PAU acada o seu ecuador no Campus de Ferrol

Te puede interesar