Manolo González, investigador e profesor: “El filmaba o que tiña ao redor como un xeito de atrapar o tempo”

O martes preséntase no Ateneo Ferrolán o libro “O cineísta andarengo. A propósito de Bernardino de Lamas”, unha obra do que foi fundador e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña e a Axencia Audiovisual Galega, e que agora impulsa o Chanfaina Lab en San Sadurniño
Manolo González, investigador e profesor: “El filmaba o que tiña ao redor como un xeito de atrapar o tempo”
O autor investigou o cinema galego e a memoria audiovisual da emigración con publicacións en varios países | KIKO DELGADO

Á historia do cinema galego acaba de sumarse un novo protagonista que viviu hai arredor de cen anos, o ferrolán Alfonso Piñón, grazas á investigación que Manolo González divulga en “O cineísta andarengo. A propósito de Bernardino de Lamas”. Este libro, de Edicións Embora, presentarase o martes, ás 19.00 horas, no salón de actos do Ateneo Ferrolán.


O título desvela dúas características chave deste xornalista que se identificou con nove pseudónimos distintos, entre os que se atopaban algúns vinculados a parroquias de San Sadurniño como Bernardino de Lamas ou Luis de Narahío. “Cineísta é unha palabra en desuso que se utilizaba muito nos anos 20”, explica o autor sobre este atributo, que refire a filosofía coa que operaba: “El filmaba o que tiña ao redor para conservalo como memoria, un xeito de atrapar o tempo e gardalo nunha caixiña para podelo disfrutar de cando en vez”.


Precisamente este é un dos trazos característicos do cine de Piñón, a ausencia dun relato artellado, así como o propio contido, que se relaciona co segundo adxectivo: “andarengo”. Esta palabra, que recolle o diccionario Estraviz, referencia a quen anda moito, como foi este caso, que “as fins de semana podía percorrer 50 quilómetros ao día” polos montes da zona que el chamaba “os nosos Alpes”, relata González.


Non obstante, o alcumado Bernardino de Lamas levaba o termo ao extremo, xa que era “un activista do camiñar”, que facía deste hábito “un xeito de vivir, de sentirse fóra do seu mundo e conectar coa natureza”, segue. Así pois, formou parte dos numerosos movementos naturistas e asociacións sendeiristas que proliferaron na contorna da ría ferrolá nas décadas de 1920 e 1930.


Esas excursións adoitábaas realizar acompañado de colegas como o que foi alcalde de Ferrol Jaime Quintanilla, o intelectual Matías Usero e o pintor Bello Piñeiro, personalidades que posuían “ideoloxías distintas pero a mesma teima”, destaca Manolo González, sobre ese espazo que reservaban para os sendeiros naturais.


Segundo apunta o escritor, a fazaña de Alfonso Piñón, que se materializa na gravación dunhas 300 bobinas de 9.5 mm de 1924 a 1935, foi posible grazas a unha innovación tecnolóxica: as Pathé Baby. Estas cámaras xurdiron no 1922 e un ou dous anos despois chegarían a Ferrol, onde o cineísta mercou a súa, concretamente en Montalbo Real 117. A novidade “democratizaba a filmación de películas”, apunta o autor, que compara aquela situación coa actual e dá conta das similitudes entre o que facía Bernardino de Lamas co que se realiza hoxe cos móviles, nos que tamén se rexistran escenas cotiás.


Xénese 

Manolo González estaba buscando documentación para o encontro cinematográfico Chanfaina Lab até que se topou na Galiciana cun dos artigos de El Correo Gallego, titulado “Visiones cinematográficas”, que conta como o protagonista utilizou unha cámara nunha excursión ao Pico Ferreira, en San Sadurniño.


A partir deste primeiro texto, foi tirando do fío e descubriu a un dos pioneiros do cinema amador, que non só permanece vivo coas súas películas, igual que as paisaxes e persoas que capturaba, senón con ideas como a de chamarlle o “Monte dos Poetas” ao de Brión e o propio monumento ao Camiñante Descoñecido que está en Barallobre.


“Esas imaxes hoxe teñen moito valor”, expón González sobre unhas pezas centenarias que segundo lle consta, proxectáronse en seis ocasións, por suposto non en cines partindo xa do formato. “Guillermo Escrigas foi quen as comprou e as depositou no Cegai, na Filmoteca de Galicia”, resalta.


Trátase de arquivos cun alto interese histórico, do mesmo xeito que calquera película, e en concreto estas poden servir de proba documental. Aínda que Piñón gravou múltiples puntos de Galicia, non retirou o foco da súa terra, polo que actualmente se poden revivir visións tan diversas como o litoral de Valdoviño sen edificacións ou as vestimentas que se usaban os domingos. 

Manolo González, investigador e profesor: “El filmaba o que tiña ao redor como un xeito de atrapar o tempo”

Te puede interesar