A Mancomunidade recolle en Santiago o Premio Coopera

O proxecto de reforma da Casa de Acollida de Ferrol e para avanzar en lograr a xestión mancomunada por parte dos municipios da ría mereceu o segundo posto.

A Mancomunidade recolle en Santiago o Premio Coopera
José Manuel Blanco recolle o premio entregado por Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo	xoán crespo
José Manuel Blanco recolle o premio entregado por Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo xoán crespo

O proxecto de reforma da Casa de Acollida de Ferrol e para avanzar en lograr a xestión mancomunada por parte dos municipios da ría mereceu o segundo posto nos Premios Coopera que outorga a Xunta de Galicia, dotado con 25.000 euros. O vicepresidente da Mancomunidade, o rexedor naronés José Manuel Blanco, xunto coa concelleira de Benestar e Muller de Ferrol, Beatriz Sestayo, acudiron onte a Santiago á entrega oficial destes galardóns, de man do presidente e vicepresidente da Xunta.
Os premios Coopera recoñecen o traballo compartido das entidades locais, o que lle serviu a Alberto Núñez Feijóo para lembrar o éxito de colaboracións deste tipo no tocante á creación da área metropolitana de Vigo ou á fusión dos municipios de Oza e Cesuras e de Cerdedo e Cotobade.
Tamén tivo o presidente da Xunta palabras para os distintos proxectos. “A Mancomunidade da comarca de Ferrol foi premiada pola xestión conxunta do servizo de acollida ás mulleres que sofren violencia de xénero e os seus fillos”, lembrou, ó tempo que subliñou o traballo de cooperación necesario entre as administracións locais para promover a igualdade entre homes e mulleres.
Os cartos obtidos co premio Coopera está previsto destinalos  á reforma do edificio para mellorar as súas condicións de habitabilidade e tamén a incrementar o persoal que atende ás mulleres e nenos que precisan a protección dun centro no que viven mulleres de Ferrolterra e toda Galicia ou mesmo doutras Comunidades Autonómas.
A Casa de Acollida de Ferrol naceu en 1986 e foi o primeiro centro galego destas caracerísticas. Entre 2009 e 2015  atendeu a 213 persoas (115 mulleres e 98 menores).