Máis libros | OLGA 13

Vicente Araguas reflexiona na súa sección do 'Nordesía'
Máis libros | OLGA 13
Nicolás Vidal, Pancho Pillado e Fermín Bouza | Cedida

Desta volta, tan silenciada OLGA (das poucas revistas poéticas galegas ou españolas en xeral, en papel) coma os dous poetas óptimos, verdadeiros, que ocupan o último número, leva por título “Bouzas grandes”. E é que o número 13 de OLGA atende a Fermín Bouza-Brey e Fermín Bouza Álvarez, pai e fillo. O primeiro, pai da poesía netrobadoresca, coetáneo dos Alberti, Lorca e demais cando estes andaban a fedellar nos veneros das poéticas populares. Isto dicía Don Fermín, na penumbra soleada, ao soliño de xuño en Compostela, aos amigos de Fermín que escoitabamos apampados a Bouza-Brey, santón ou gurú “malgre lui”, nun andar fermoso da rúa do Vilar. Amigos de Fermín, grande honor, e como o botamos de menos, agora que acontecen cousas estrañas na política nacional que el sería quen de nos dilucidar.


Bouza-Brey tivera o seu Día das Letras (grande impulsor Filgueira Valverde, tempo de dicir verdades sen dogmatismos) e aínda así non hai xustiza enteira sobre un dos poetas inmensos do século XX. Con dous libros, “Nao senlleira” e “Seitiura”. Abondo. E inxusto, inxustísimo, o esquezo que se abate riba de Fermín: novelista (tamén en español), ensaísta, politólogo, sociólogo e –para o caso– poeta radical, el tamén con dous libros: “O tempo na auga” e “Labirinto de inverno”. Neste último título aparece un poema, “Había un silencio nas conversas”, de obrigado cumprimento para os amantes da Poesía (aos que non, que sigan a ler aos seguidores/as de Don Juan de la Coba). 


Neste número de OLGA, o 13, ollo, graciñas Sabino Torres pola santa idea, escriben a prol de Bouza-Brey e Bouza Álvarez José Luis Bouza Álvarez, Sonia Barboni, Antón Baamonde, Nico Vidal e Xosé María Dobarro. Ademais das colaboracións, nun senso ou noutro, da equipa da revista: Pereira, Yáñez, Pichel, Teixeiro e eu mesmo. A conformar un número, diría eu, que ten o seu aquel. Enriquecido polos poemas dos “Bouzas Grandes”, con poemas editados anteriormente, e un do trinque aportado por José Luis Bouza, autor a maiores dun artigo fundamental, elegante, finísimo, fondo, con fondura de manancial con auga que mesmo ao non se ver deixa que nos decatemos de canta fondura sabedora subxaz nela. Unha xoia.


Logo está a foto que ilustra esta miña reseña, que ao non aparecer onde debera, “blame on me”, ben pode estar aquí. Nela aparecen o propio Fermín Bouza Álvarez, Pancho Pillado e Nico Vidal no Pontedeume dos estíos do casal Bouza-Pena (pais ambos de Fermín Bouza Pena, músico e produtor, e que a saga non se deteña; a directora de cine Inés París Bouza, a poeta Isabel París Bouza…).


OLGA 13 vén de presentarse en Madrid, o 15 de xullo estará en Santiago, o 18 e o 23 do mesmo mes, en Neda e Pontedeume, respectivamente. Será un pracer vervos por alí. A prol dos Bouzas Grandes, lástima fora.

Máis libros | OLGA 13

Te puede interesar