Máis de 100.000 persoas gozaron da edición máis longa do Mundo Celta

Máis de 100.000 persoas gozaron da edición máis longa do Mundo Celta
Varias imaxes do desfile das Nacións Celtas celebrado onte pola mañá, na derradeira xornada do festival folk | emilio cortizas

Logo de dous anos de ausencia do festival internacional por mor da pandemia, a organización do Mundo Celta de Ortigueira apostou forte por ampliar a unha semana a edición deste 2022, que volverá deixar cifras récord no  historial da senlleira cita musical.


Aínda coa programación da derradeira xornada por diante, o alcalde da vila, Juan Penabad Muras, salientaba onte polña mañá o extraordinario balance dun programa que incluíu a presenza de máis de corenta formacións e pola que pasaron, segundo as estimacións da organización, máis de 100.000 persoas. “Levávamos dous anos sen festival, pero valeu a pena todo o esforzo durante eses dous anos de manter as redes sociais activas, de facer algún concerto no teatro, de manter o festival con vida. Todo ese esforzo compensou logo do que vimos este ano”, salientou. “Polo que me están a dicir, quizáis sexa a edición de maior afluencia de público”, engade.


Tamén moi positivas son as cifras que falan da repercusión económica da cita na propia vila, “en torno aos 15 millóns de euros, máis ou menos”, avanza o rexedor, o que constata a celebración do evento como un auténtico motor económico para o pobo.


Seguridade


Penabad Muras amósase así mismo moi satisfeito polo ben que funcionou durante todos estes días o operativo de seguridade. Sente moito, iso si, as molestias que todas estas cuestión para o mellor desenvolvemento posible do festival puideran ocasionar á poboación local.


“Este ano había que organizalo distinto, sabiamos que ía vir moita xente e o operativo había que cumprilo estrictamente, e iso supuxo molestias para os veciños e veciñas, que non o merecen, pero o máis importante é a seguridade de todos, tanto deles como dos visitantes”, asegura.


O martes tocará facer balance e apuntar todas aquelas cuestións que se poden seguir a mellorar. Algunhas vanse mundando sobre a marcha, como sucedeu nesta ocasión coa ampliación, en varias ocasións ao longo da semana, das zonas de estacionamento ou a decisión de pospoñer a esta mañá o levantamento do operativo, previsto inicialmente para a tarde de onte, debido á gran afluencia de xente que aínda había no pobo onte. “Hai un nivel de civismo impresionante, estamos encantadísimos co festival”, comentaba o alcalde. Cre que o formato deste ano, o máis longo da historia, podería repertirse sen problema, polo ben que transcurriu todo, mais antes de tomar ningunha decisión haberá que facer un balance da actual edición e falar con todas as partes implicadas, como pode ser a relacionada coa hostalería. “A nivel de Concello, eu penso que levando as cousas como as levamos, traballando con persoas que xa teñen moita experiencia no festival, e tendo moito coidado con todo, non habería ningún problema para que se repetise así, con este formato. Para o festivas é bo e para Ortigueira tamén”, di. Esta semana tocará xa poñerse a pensar, pois, na cita de 2023.


Xornada final


A actual concluía onte logo dun intenso día que daba comezo sobre as 11.30 horas co tradicional desfile das nacións celtas, desde a Alameda ata o Cantón. Dez das agrupacións que ao longo da última semana estiveron a animar a vila cos seus repertorios tomaron parte na actividade que cada ano se celebra no último día da cita.


Dúas actuacións durante a tarde e xa pola noite os concertos de Os D’Abaixo, Luar na Lubre e Dequenvessendo no escenario Estrella Galicia pecharon o festival internacional. 

Máis de 100.000 persoas gozaron da edición máis longa do Mundo Celta

Te puede interesar