O XXIX Congreso Internacional de Dirección e Enxeñaría de Proxectos inaugurouse onte mércores no salón de actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, un dos encontros máis relevantes a nivel mundial neste campo. Na iniciativa, que hoxe xoves celebra a súa cea de gala e unha entrega de galardóns no Parador de Turismo, participan máis de 200 persoas expertas de América e Europa.
Tal como lembrou na apertura a presidenta da Asociación Española de Dirección e Ingeniería de Proyectos –Aaeipro–, Socorro García Cascales, ao longo desta proposta presentaranse un total de 205 comunicacións a un público procedente de distintos puntos do Estado e tamén de países dispares como México, Ecuador, Chile, Irán, Turquía e EEUU. Na sesión estivo acompañada da directora da Axencia Galega de Innovación –GAIN–, Carmen Cotelo Queijo, que destacou a pertinencia de continuar coa formación de profesionais multidisciplinares e cunha visión global.
Ana Ares Pernas, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, tamén participou na sesión, unha intervención que aproveitou para agradecer a elección deste escenario para unha cita internacional coma esta, amais de destacar “algo non demasiado habitual neste eido” como é a súa inclusión nunha mesa inaugural composta integramente por mulleres.
Neste aspecto tamén se deteu a presidenta do comité organizador do congreso, a profesora e investigadora da UDC, Pilar de la Cruz López, cuarto membro do equipo que se completa con Patricia Cons Formoso, concelleira de Educación e Universidade. “É motivo de orgullo e tamén unha magnífica oportunidade para amosarlle ao mundo todo o que esta cidade pode ofrecer”, destacou esta última.
Neste sentido, os participantes visitarán Navantia e Exponav, ademais do Parador de Turismo, onde hoxe se celebrará a cea de gala do congreso, así como o acto de entrega de galardóns. Os recoñecementos corresponden aos Mellores Traballos de Fin de Máster, ao premio do Consejo General de Colegios Oficiales de Ingenieros Industriales, o Jaume Blasco a la Innovación e o Joven Investigador, estes tres últimos cun accésit cada un.
A charla inaugural foi impartida polo Project Succes Coach de TIME4PM, Peter Pürckhauer, e a de clausura volverá ter lugar no salón de actos, este mesmo xoves ás 16.00, da man do Head of Defense de S2Grupo, Enrique Cubeiro. O programa inclúe, ademais doutras dúas conferencias maxistrais, o International Seminar on Project Management (un bloque integramente en inglés) e tres Panel Sessions, á marxe do workshop realizado onte.