“Este libro permite afondar no coñecemento do exilio interior e das súas figuras fundamentais”

“Este libro permite afondar no coñecemento do exilio interior e das súas figuras fundamentais”
Un momento do acto de presentación do libro celebrado onte pola tarde no centro cultural Torrente Ballester | jorge meis

O centro cultural Torrente Ballester acolleu onte a presentación do volume “Unha amizade con Ferrol ao fondo”, unha publicación impulsada polo Club de Prensa de Ferrol co apoio da Xunta e do Concello de Ferrol, que recolle a relación epistolar durante case catro décadas (entre 1947 e 1983) entre o ilustre profesor e escritor Carvalho Calero, homenaxeado das Letras Galegas 2020, e o autor Tomás Barros, de cuxo nacemento cumpríronse cen anos no pasado ano 2022.
 

O acto contou coa participación, entre outros, do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que celebrou a publicación dun traballo que, segundo dixo, permite “afondar no coñecemento do exilio interior, coñecer mellor as súas figuras fundamentais e entender como se xestaron proxectos relevantes para a lingua e a cultura galegas”.
 

Xunto a el, interviron tamén no acto o autor do volume, Xosé Ramón Freixeiro; a profesora da UDC e autora do limiar, Pilar García Negro, e a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz. Desde este última entidade, impulsora do proxecto, salientouse a relevancia do mesmo á hora de achegar ao público á personalidade do que foi o primeiro catedrático de Linguística e Literatura Galega e autor, entre outras obras, de “Scórpio”, e a do seu discípulo e amigo Tomás Barros. “Unha venturosa achega ao estudo da nosa cultura en xeral e de Ferrol en particular que se evidencia nidiamente no contido da correspondencia que mestre e discípulo intercambiaron”, salientan.
 

Autor

Desta profunda relación dá conta nas páxinas da publicación Xosé Ramón Freixeiro (Carballo, 1951) que foi ademais alumno de Barros. “Foi grazas á intermediación da colega e benquerida amiga María Pilar García Negro como a correspondencia entre ambos chegou ás miñas mans, coa suxestión de dar a coñecer ao público mediante a súa edición anotada, propósito que tamén contaba co beneplácito das respectivas familias dos autores”, indica o propio Freixeiro no estudo introdutorio incluido no traballo. 
 

“Con certeza, o meu trato con eles, embora breve e superficial por diferentes circunstancias en cada caso, e nomeadamente a lembranza saudosa de dous profesores admirados en tempos escuros, foron incentivos máis que suficientes para aceptar esta xenerosa encomenda, que moito agradezo”, engade o autor.
 

Freixeiro, que foi profesor titular e posteriormente catedrático na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña na área de Filoloxía Galego-Portuguesa ata a súa xubilación en 2021, centrou a súa actividade investigadora na gramática galega, a lingua literaria e a estilística.
 

Traballos

Resultado desta actividade é a publicación de monografías, artigos especializados en revistas e libros colectivos, ademais de traballos de carácter divulgativo. Destacan, entre outros traballos, as achegas que fixo sobre Noriega Varela, Rafael Dieste, Manuel García Barros, Sebastián Martínez Risco ou Manuel María.
Os asistentes ao acto celebrado onte no Torrente Ballester recibiron un exemplar do libro impulsado desde o activo Club de Prensa de Ferrol.

“Este libro permite afondar no coñecemento do exilio interior e das súas figuras fundamentais”

Te puede interesar