O laboratorio de Anatomía Patolóxica, no Hospital Naval, obtivo a certificación de calidade ISO 9001:2015, unha cualificación que acredita a súa excelencia e que se suma así aos outros oito servizos que xa a conseguiron. Os de Lavandería, Farmacia, Análises Clínicas, Subministracións, Microbioloxía, Admisión e Documentación Clínica e Formación renovaron este selo en 2021 e neste ano conseguiuno ademais a área de Hemodiálise, que xunto con este certificado de xestión de calidade acadou a UNE 179003:2013, específica do ámbito sanitario, na que se aborda a xestión dos riscos e da seguridade dos pacientes.
O xerente da Área Sanitaria, Ángel Facio Villanueva, entregou onte o recoñecemento no Hospital Naval, onde se ubica o servizo desde o seu traslado definitivo, en outubro de 2018.
Esta acreditación valida todos os procesos, desde a fase preanalítica ata a posterior. A primeira inclúe os procedementos desde a recepción de solicitudes e toma e chegada de mostras ata a distribución das mesmas. Resulta, explican desde o Sergas, “especialmente crítica ao intervir nela distintos axentes involucrados na toma, recollida e transporte de mostras”. A fase analítica engloba as accións desde a recepción ata que se obtén un diagnóstico. A complexidade neste caso vén dada pola variedade de mostras que se reciben, que implica tamén protocolos diferentes. Na etapa posterior emítense os informes e arquívanse as mostras e a documentación asociada.
O laboratorio de Anatomía Patolóxica pode realizar ao ano unhas 20.000 biopsias e unhas 11.000 citoloxías. Tamén fan estudos autópsicos. Está a disposición de toda a área sanitaria (hospitais e centros de saúde) e o seu labor céntrase fundamentalmente no diagnóstico de patoloxías, tumorais ou non, a partir do estudo de células e tecidos. Tamén leva a cabo un papel fundamental no estudo de biomarcadores clave na elección de terapias oncolóxicas personalizadas para cada tipo de paciente.
En verán de 2021 conseguiron a súa acreditación docente, que lles permite neste curso recibir a médicos residentes, e preparaban xa entón a implementación dun sistema de xestión da calidade acorde á normativa ISO que finalmente completaron con éxito.
O Sergas destaca a Área Sanitaria de Ferrol como pioneira na implantación de sistemas de xestión de calidade acreditados en toda a sanidade pública de Galicia. Os nove servizos recoñecidos “son o fiel reflexo do esforzo e dedicación que se require para tal fin e representan un orgullo”, apuntan.
Fan un recoñecemento especial ao compromisos de todas as persoas adscritas aos distintos servizos, “que posúen ademais un alto nivel de capacitación, unha gran capacidade de traballo e unha entrega total”.