Iria Sobrado: “Cuestionamos a versión de quen constrúe o relato dos demais, das mulleres principalmente”

A actriz protagoniza "Insubmisa", que se representa hoxe no Jofre
Iria Sobrado: “Cuestionamos a versión de quen constrúe o relato dos demais, das mulleres principalmente”
Iria Sobrado, en fotografía de Aitor Uve

“Insubmisa” é o título da obra que hoxe –20.30 horas– se representa no Jofre. Trátase dunha montaxe de Antagonista Teatro na que se revisa a historia de Medea e que ten a Iria Sobrado como protagonista. Unha proposta nominada aos premios María Casares na categoría de Mellor dirección de movemento (Marta Alonso) e acaída para o mes en que se reivindica a igualdade.

 

Cal é o enfoque desta reinterpretación do mito? 
É unha revisión da historia de Medea vista desde a perspectiva actual, a través dun espectáculo contemporáneo que cuestiona a historia dunha muller contada por homes. É dicir, que sesgado está ese relato, canto se corresponde coa realidade e por que o que transcende é o que asumimos sen cuestionar a súa veracidade. Se preguntaramos quen é Medea, todo o mundo dirá que é a asasina dos seus fillos. E se cadra iso non foi así, se cadra iso é só o que nos contaron desde unha visión moi sesgada. 

A famosa construción do relato que tan de moda está na política... Neste caso, como os homes constrúen a posteridade das mulleres. 
Totalmente, porque ao final quen conta o relato está sesgando a historia dalgunha maneira, pois consegue que sexa o que perdure. A historia das mulleres sempre foi contada desde outra mirada. Que pasa cando poñemos outra perspectiva? Porque existen outras perspectivas... Que pasa se miramos esas circunstancias e esa historia desde outro punto de vista e o confrontamos co que había? Sucede na política e na historia, pero para as mulleres é flagrante. Por que non transcenderon a pesar de ter feito cousas importantes e por que dalgunhas que si transcenderon temos esa visión tan pexorativa?

 

A sensación é que esta obra supón un esforzo emocional e físico moi esixente. É así? 
Si, a palabra é esixente porque é un espectáculo no que mesturamos un texto moi contemporáneo coa historia clásica de Medea. Traer iso ao terreo de hoxe xera un texto denso que conta moitas cousas. Ao mesmo tempo, o espectáculo está construído cunha base coreográfica na que hai unha especie de parte onírica, como un río que subxaz a historia e de cando en vez aparece. Esas partes oníricas requiren un esforzo físico porque é un traballo con moito movemento corporal, moita danza; é dar un chimpo ao mundo onírico, onde todo é posible a nivel de calidade de movemento. Si, é esixente, pero, claro, para min como actriz tamén é un regalo porque eses son os traballos que máis gozas e que máis che gusta facer porque me permiten explorar moitos rexistros, e iso sempre é superagradecido.

 

O teatro coa muller como protagonista en todas as facetas –interpretación, dirección, guion etc.– está a vivir un bo momento?
Si, estase a vivir ese momento, pero xa tocaba... É o que corresponde. Estatisticamente debería haber máis ou menos os mesmos espectáculos dirixidos por homes que por mulleres, tamén no que respecta a protagonistas principais, porque o contrario é unha anomalía. Agora está acontecendo porque estamos nun momento de efervescencia no eido do feminismo e da igualdade e xa non pode ser doutra maneira. Iso sucede tamén porque hai moitas miradas femininas desde o outro lado; xa non é só que poñamos en órbita personaxes femininos potentes como protagonistas, senón que ao mesmo tempo estamos mostrando a historia desas personaxes a través dunha mirada en feminino. E esa ollada equilibra todo o que viña habendo antes. Paréceme supernecesario, non só no teatro, senón tamén, no meu caso, no cine. Que haxa mulleres cineastas que están detrás das cámaras, escribindo as súas historias, dirixíndoas, é representativo de que estamos nun momento no que non é só que haxa que contar esas historias, senón que interesan porque funcionan. Por fin estanse a visualizar esas historias desde moitas outras perspectivas.

 

En que medio se sente máis cómoda: teatro ou audiovisual? 
O meu caso é aínda máis complexo porque ademais de ser actriz de teatro e de audiovisual, veño de dar o salto detrás da cámara e son guionista. No tema da interpretación son mundos completamente distintos, con códigos completamente distintos. É moi difícil escoller. Ambos danche a oportunidade de amosar o teu traballo, que no fondo sempre é a esencia, pero logo as formas son diferentes: o feito de ter 150 persoas diante nese preciso instante vendo como respiras dáche algo que non che dá o outro, pero o feito de ter unha cámara a 20 centímetros tamén ten o seu aquel. Si é verdade que o teatro como arte viva, como arte efémera, que sucede nese momento e xa a próxima vez que suceda vai ser diferente, ten algo que é moi potente, é como un pulso que nace dun lugar de moi dentro, moi instintivo.

 

Pode adiantar algo da longametraxe na que traballa? 
É un proxecto que se titula “Aquagym” do que xa rodamos un teaser, co que nos seleccionaron no festival Abycine, de Albacete. Estou coa última versión de guion, buscando localizacións, completando o casting e buscando financiamento: montar unha película é unha odisea. Pero quero sacala adiante. É unha historia en feminino e feminista, de mulleres maiores que rondan os 70 anos e que van a clases de aquagym. Que pasa con elas cando se desprenden da lousa dos coidados, cando se reconstrúen e comezan a vivir? Iso véxoo na xeración da miña nai. Cando o marido morre ou os fillos marchan de casa, a súa vida comeza a ser outra. Esa reinvención, esa reconstrución, esa liberdade que de súpeto teñen é supermotivadora. Esa xeración merece unha película con elas de protagonistas. Encantaríame aportar un gran de area para visibilizalas. 

Iria Sobrado: “Cuestionamos a versión de quen constrúe o relato dos demais, das mulleres principalmente”

Te puede interesar