O grupo Opaí Teatro estrea no Torrente Ballester a obra dedicada ao 10 de Marzo do 72

O grupo Opaí Teatro estrea no Torrente Ballester a obra dedicada ao 10 de Marzo do 72
Integrantes de Opaí Teatro, do que forman parte dez actores e actrices baixo a dirección de Cristina Mariño | emilio cortizas

Logo dun laborioso proceso de investigación, creación e ensaios, chegou o gran día. A compañía Opaí Teatro, nacida en 2020 no seo da SRD Canido, estrea esta tarde, ás 20.30 horas no centro cultural Torrente Ballester, a súa segunda obra, “De marzo a marzo”. A peza sitúa o punto de partida cincuenta anos despois dos sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol. Un rapaz ten que facer un traballo para a escola sobre este tema e os máis vellos da súa familia recordan aqueles tempos de loita mentres o resto de personaxes, e eles mesmos, se enfrentan aos desafíos da vida actual.


A obra constitúe así un diálogo constante entre o presente e o pasado, entre a comedia e o drama, entre a tenrura e a rabia. O resultado final vén precedido dun intenso traballo de documentación arredor dos feitos que hai xa cincuenta anos remataron coa morte dos traballadores da Bazán Daniel Niebla e Amador Rey.


“Detrás deste proxecto hai unhas sesenta persoas que colaboraron dunha maneira máis ou menos directa. Ademais de consultar a bibliografía pertinente, fixemos tamén entrevistas. Celebramos reunións vivenciais, por xeracións, nas que participaron máis de trinta persoas, falando da época, o que lembraban disto, facendo memoria colectiva. Tamén fixemos entrevistas individuais a outras persoas”, salienta Cristina Mariño.


Dirección

A directora de Opaí Teatro, autora tamén da obra xunto a Carlos Castrillón Doce, define “De marzo a marzo” como un proxecto de antropoloxía teatral. “Estamos a facer unha peza do noso propio pobo, traballando con xente que dá o seu propio testemuño; todo é moi emocionante, porque é a nosa propia historia. A min, unha das cousas que máis me sorprendeu, foron as ganas de falar de todo o mundo”, engade Mariño. Opaí conta cun elenco de dez actores e actrices: Carmen Caeiro, Margarita G. Pita, Miguel Curveira, Juani Hernández, Franki Muíño, Luis Pillado, José Piñeiro, Alba Santalla, Alexis Sequeiro e Daniel Solloso. Todos teñen experiencia e a meirande parte formáronse na Escola de Teatro de Narón.


Na estrea desta tarde contarán ademais sobre o escenario coa colaboración dos tres integrantes do grupo de Canido Os Faiados e de Cantos de Taberna e Canto da Escola da Vaca de Ferrol, que achegan música en directo á peza.


A Asociación Veciñal de Canido e Radio Filispim, ademais da propia SRD Canido, figuran entre as entidades colaboradoras con este proxecto proposto ao grupo de teatro polas dúas entidades impulsoras dos actos do cincuenta aniversario do 10 de Marzo do 72, Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática.


Elas foron as que convidaron a Opaí a escribir unha peza teatral para conmemorar os sucesos acontecidos durante as mobilizacións obreiras na cidade naval, unha creación da que hoxe poderá gozar o público na estrea no Torrente Ballester –a entrada será libre ata completar aforo– e que continuará as súas funcións mañá sábado, no Casino Mugardés (19.00 horas).


En novembro levarán a peza, inscrita na Rede Cultural da Deputación da Coruña, á Mostra de Teatro de Ribadeo.

O grupo Opaí Teatro estrea no Torrente Ballester a obra dedicada ao 10 de Marzo do 72

Te puede interesar