Cunha excepcional cantidade de froita desenvolveuse onte en Pontedeume, no marco das Festas das Peras, unha nova edición dun certame que reuniu un total de 146 cestos de diferentes variedades de mazá, pera e pexego. Foron os que achegaron os vinte participantes que desta volta secundaron un concurso que ten entre os seus obxectivos poñer en valor o produto da zona.
A Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume colabora coa Comisión de Festas e co Concello eumés nunha cita que este ano salientou, segundo a propia organización, pola gran cantidade e variedade de froitas, algunhas incluso en “perigo de extinción”, como é o caso da mazá “rogelia”.
Logo da exposición do produto por parte dos participantes, un xurado encargouse de determinar o nome dos gañadores. A cor, a forma, a madurez, o tamaño, o sabor, o arrecendo ou a pel das pezas foron algúns dos elementos a ter en conta á hora de puntuales.
Premios
Na categoría de mazás, o primeiro premio foi para Miguel Leira, de Campolongo. O mellor pexego foi o presentado por Josefina Domínguez, de Ombre; mentres que no certame de peras foi Gonzalo Martínez o que se fixo coa victoria grazas a súa variedade de “manteiga oscura”. Nesta mesma categoría, concedeuse o premio de pera en perigo de extinción a Carlos Fornos. O gañador na modalidade de mellor lote foi Manuel Castro, de Perbes.
O certame de froitas abría onte o telón da cuarta xornada da Festas das Peras, que incluíu tamén outra propostas como unha degustación popular na Alameda, coa presenza de pan de Carral e de produtos de Campo Campela; a actuación da charanga Mekanika e da AFC Orballo; un espectáculo infantil; un recital poético; un torneo de baloncesto e música para pechar o día.