O Festival Irmandiño de Moeche volve con forza do 19 ao 21 de agosto

O Festival Irmandiño de Moeche volve con forza do 19 ao 21 de agosto
Imaxe do asalto infantil ao castelo de Moeche na edición de 2019 do Festival Irmandiño | emilio cortizas

A recreación da revolta irmandiña regresa este verán con forza a Moeche logo das restriccións da pandemia. A Asociación Cultural Irmaniños ten programadas tres xornadas de festa, do 19 ao 21 de agosto, para gozar da música folk nun dos festivais máis antigos da comunidade.


Tantas son as ganas de volver aos tempos anteriores á irrupción do covid, que a organización decidiu este ano botar man do cartel creado por Leandro Lamas para a edición de 1998 para representar así “a volta ó de antes, a volta ó formato grande, a volta do lume e dos fachos, a volta da festa e as gañas de olvidarnos do covid!”, salientan.

 


Programa

 


Con este espírito afrontan a cuadraxésimo terceira edición da que proximamente darán a coñecer os grupos que formarán parte do cartel pero que xa ten perfectamente definidas outras das propostas a celebrar nos tres días, dirixidas a un público de todas as idades.


Comezará o venres 19 de agosto coa tradicional foliada, para ao día seguinte gozar ao mediodía dunha sesión vermú para pola tarde abrir paso ao Asalto infantil ao castelo, onde os máis pequenos gozarán de xogos e tamén da típica guerra de globos de auga. A continuación será a quenda para os xogos tradicionais, no que haberá espazo para o tiro da corda, lanzamento de altura de alpaca ou carreiras de sacos e zancos, entre outros.


A partir das 20.30 horas comezarán os concertos (actuarán cinco grupos), no medio dos cales chegará o punto álxido da noite co tradicional asalto ao castelo, “onde o lume, os fogos artificiais e a iluminación do castelo forman unha imaxe espectacular á vez que intensa”, destacan desde a asociación Irmandiños. O domingo haberá un xantar campestre ao pé da fortaleza amenizado por actuacións musicais que servirá para poñer o peche á edición.


A entidade organizadora quere agradecer as axudas achegadas polo Concello de Moeche, a Deputación da Coruña, Gadis e as empresas locais que colaboran coa organización. 

O Festival Irmandiño de Moeche volve con forza do 19 ao 21 de agosto

Te puede interesar