Este sábado, Día das Letras Galegas, a actividade cultural e de lecer focaliza na homenaxe deste ano: as mulleres que como Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos e as Pandereteiras de Mens (Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda) transmitiron a poesía popular que hoxe continúa formando parte imperdible do patrimonio tradicional. Así, a maior parte dos Concellos e asociacións que organizan programas polo 17 de maio convidan a grupos de cantareiras e outros proxectos musicais relacionados, aínda que tamén propoñen outras actividades.
Algúns carteis adiantáronse á data oficial e destacan pola súa extensión no tempo, como os dos Concellos de Ares e de San Sadurniño, destacando neste último o espectáculo participativo que ofrecerá mañá Xisco Feijoó na praza Ramón Díaz Raña baixo o título “Traede ferrallada”. Este mesmo artista protagonizará a intervención especial polas Letras Galegas na romería de San Isidro, en As Somozas, o propio sábado. Non obstante, antes actuarán As Tocadeiras, mañá ás 20.00 no centro sociocultural.
Outro programa que estira a homenaxe é o que organiza a ACDR Liga de Amigos de Barallobre, coa colaboración do IES de Fene e o Concello, que se estreou onte no instituto. O sábado, ás 18.00 horas, a actividade segue cunha proxección adicada a Pucho Boedo e, ás 19.30, a actuación de canto da sociedade. O domingo, a partir da 13.00, as cantareiras Xerfa ofrecerán unha sesión vermú na que haberá degustación gratuíta de callos e liscos. Para rematar, a asociación anima a visitar a horta de Pepe en Maniños, saíndo ás 17.00 horas do local social (inscricións enviando un whatsApp ao 624 657 474 ou 636 624 405).
O Concello de Ferrol e a AVV San Xoán comezan os actos o sábado ás 12.00 horas na Praza Rosalía de Castro, onde haberá un recital de poetas ferroláns e ferrolás, a actuación do grupo de gaitas de Agarimo e unha intervención sobre as homenaxeadas a cargo da licenciada en Filoloxía Galega, Aurora Valentina Varela. Pola tarde, a partir das 17.00 horas, o escenario trasladarase ao local social de Esmelle, onde actuarán as cantareiras Gradaílle, o grupo Encrucillada e o Real Coro Toxos e Froles, intercalados por dúas lecturas sobre as protagonistas das Letras 2025.
No caso de Moeche, o Concello organiza todas as accións despois do 17 de maio, comezando o domingo cunha andaina pola lingua de tipo circular, que partirá ás 10.30 do castelo. A actividade, cunha duración aproximada de dúas horas e media, rematará cunha cita musical na fortaleza e petiscos. Os interesados deberán anotarse a través de daniel.feijoo@moeche.gal ou 981 404 006. Ademais, Polo correo do Vento levará ao castelo de Moeche cantareiras e contacontos para todos os públicos, o domingo 25 ás 12.30 horas, e cada participante levará un libro como agasallo.
En Mugardos, o goberno municipal colabora coa AC Apelón Educación e Casino Progreso de Franza para ofrecer, na sede desta última entidade, o sábado ás 20.00 horas, o concerto da coral Estelas do Mar e Rondalla Mugardesa. Ademais, o Centro de Interpretación de Caldoval organiza, con motivo das Letras, un obradoiro de creación dun caderno de escritura romano, unha “tabula cerata”, o propio 17 de maio, de 11.30 a 17.30. Os interesados poden apuntarse e informarse contactando con info@museodecaldoval.gal e no 687 072 116.
Tras a función da Xanela do Maxín na Casa da Cultura de Neda, o sábado ás 12.00, “Dende Rosalía ata as cantareiras. As mulleres nas letras”, que tamén se ofrece noutros puntos como hoxe en As Pontes ou o 23 en San Sadurniño, actuarán as voces de Alxibeira. Esta formación veterana do Padroado de Narón subirá ao mesmo escenario nedense, ás 20.30, e as entradas poderanse adquirir por 2 euros dende unha hora antes do inicio.
O centro cultural de Vilaboa será o escenario da celebración que organiza o Concello de Valdoviño, que propón achegarse o domingo a partir das 17.30 horas para presenciar a estrea do grupo teatral da entidade, “que che vaia ben meu canciño do palleiro” máis o concerto de música tradicional de Vai Rañala Meu!.