Ferrol reivindica a igualdade e a diversidade no Día Internacional do Pobo Xitano

Ferrol reivindica a igualdade e a diversidade no Día Internacional do Pobo Xitano
A bandeira que representa ao pobo xitano colgouse na balaustrada da casa consistorial | j.m.

O Día Internacional do Pobo Xitano celébrase o 8 de abril en todo o mundo, en conmemoración do primeiro congreso mundial xitano, que se celebrou en Londres en 1971. No salón de plenos tivo lugar o acto institucional, con presencia da asociación Secretariado Xitano, no que se leu unha declaración institucional na que se reclama un compromiso “como sociedade, como país, coa plena igualdade dos xitanos e das xitanas; desde o recoñecemento da diversidade e do valor dunha identidade cultural propia, pero que forma parte da nosa historia e da nosa cultura compartidas”.


A declaración lembra as dificultades do pobo xitano para ter igualdade de dereitos, como no acceso ao emprego, á educación de calidade, a unha vivenda digna ou o dereito a non seren discriminados. Fai fincapé na aprobación da Estratexia Nacional de Igualdade, Inclusión e Participación do Pobo Xitano 2021-2030 e na posta en marcha dunha subcomisión para un Pacto de Estado contra o Antixitanismo.


O texto ten tamén unha lembranza especial para o pobo ucraíno, no contexto do conflito provocado pola invasión rusa. “Queremos que o 8 de abril constitúa tamén unha sentida homenaxe a tódalas persoas que están a sufrir en primeira persoa as consecuencias desta guerra, tanto en Ucraína como nos países limítofres, e especialmente á comunidade xitana ucraína, que sabemos que en moitos casos está a sufrir un trato discriminatorio”.


No acto participou a corporación, con palabras de recoñecemento da concelleira de Servizos Sociais, Eva Martínez, e do alcalde, Ángel Mato. Pola mañá, a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, visitou a sede de Secretariado Xitano. Tanto os responsables municipais como autonómicos destacaron proxectos de apoio escolar como Promociona ou de inserción laboral como Acceder, ademais de plans específicos para barrios como Recimil e San Pablo.

Ferrol reivindica a igualdade e a diversidade no Día Internacional do Pobo Xitano

Te puede interesar