martes 20/10/20

Ferrol forma unha comisión para previr e mellorar as enfermidades do corazón

Persoal do CHUF, de Amicor, de emerxencias e do goberno local conforma esta nova mesa de traballo
Germán Costoya e Carlos Piñeiro, no pazo municipal | j. meis
Germán Costoya e Carlos Piñeiro, no pazo municipal | j. meis

O martes 29 de setembro celébrase o Día Mundial do Corazón. Esa é a data elixida para a primeira reunión dunha comisión de traballo que se constitúe en Ferrol co obxectivo de previr as enfermidades cardiovasculares e mellorar a saúde dos pacientes xa diagnosticados. Persoal médico, de asociacións de enfermos, dos servizos de emerxencias e do Concello de Ferrol formarán parte deste novo organismo, que se presenta como o primeiro deste tipo que existe en Galicia.

As enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte no planeta. Os pacientes son, ademais, un grupo de risco no caso de padecer Covid-19, podendo desenvolver síntomas máis graves. Por outra parte, e ante a situación sanitaria derivada da pandemia, pódese tardar máis en detectar ou tratar os problemas cardiacos. Por iso, a campaña deste ano insiste en accións que están na man de cada persoa para mellorar a súa saúde: alimentarse ben e beber con moderación, aumentar o nivel de actividade física e deixar de fumar. 

“Ferrol, usa o corazón” é o lema da pancarta que está pendurada do balcón do pazo municipal dentro dos actos de celebración do Día Mundial. Ademais, desde onte á noite e ata o martes, o Jofre iluminarase de vermello con este motivo.

O concelleiro de Sanidade, Germán Costoya, e o presidente da Asociación de Amigos do Corazón, Carlos Piñeiro, presentaron onte publicamente a nova comisión. Dela formará parte tamén Raquel Marzoa, xefa do servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferro, así como membros do goberno local e da oposición e efectivos do corpo de Bombeiros, Protección Civil e Polícía Local.

Comentarios