Ferrol acollerá do 16 ao 22 o curso de verán de violoncello

Ferrol acollerá do 16 ao 22 o curso de verán de violoncello
O programa incluirá concertos | d.a.

A cidade ferrolá acollerá, por segundo ano consecutivo, un curso de verán de violoncello organizado pola Asociación de violoncellistas de Galicia-Soncello. A iniciativa terá lugar do 16 ao 22 de xullo e o prazo de inscrición para poder participar rematará o vindeiro día 7. O programa inclúe clases individuais, colectivas, seminarios, talleres e charlas arredor do devandito instrumento.


Artistas e pedagogos de recoñecido prestixio serán os encargados de impartir as clases. Thomas Piel, Carolina Landriscini, Isabel Figueroa, Fernando Santiago, Criptana Angulo e, como especial convidada, María de Macedo, achegarán os seus coñecementos aos alumnos.


Pero ademais das leccións e consellos que ofrecerán aos estudantes do curso, o público en xeral poderá gozar da súa música a través do ciclo de concertos que se organizan de forma paralela ao curso.


Todas as actividades terán lugar no centro cultural Torrente Ballester. A primeira das actuacións será o día 16, cun concerto de inauguración co dúo de cellos formado pore Fernando Santiago e Isabel Figueroa. O día 18 será a quenda para o concerto dos “laureados” do II Concurso Soncello para Jóvenes Cellistas.


Un recital a cargo de Carolina Landriscini e Javier Estebarán, o día 20, e o acto de clausura cun concertó dos alumnos do curso poñerá o colofón ao programa.


Desde Soncello, asociación fundada en 2012 co obxectivo de promover actividades encamiñadas a dinamizar a cultura e o coñecemento arredor do devandito instrumento en Galicia, agradece a colaboración prestada polo Concello de Ferrol para o desenvolvemento deste curso de verán. Xuntanzas para profesionais e afeccionados, concertos, concursos ou a publicación da revista dixital Cuadernos Soncello forman parte das actividades organizadas pola entidade.

Ferrol acollerá do 16 ao 22 o curso de verán de violoncello

Te puede interesar