O Centro Integrado de Formación Profesional Ferrolterra celebrou onte na entrada das instalacións as xa tradicionais Xornadas de Captación de Talento que organiza anualmente. Nesta iniciativa, que trata de poñer en contacto a alumnos e empresas, participaron un total de vinte firmas de Ferrolterra.
Á feira acudiu a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, que destacou as potencialidades do Plan FPGal360 da Xunta como “un novo impulso” a este tipo de ensinanzas. Algúns deses principais obxectivos do proxecto que deu a coñecer Pérez son perseguir a igualdade de oportunidades e a inserción laboral, así como constituír un impedimento ao abandono temperá do alumnado, é dicir, aquel que deixa de estudar unha vez finalizada a etapa de ensinanza obrigatoria.
Así mesmo, a directora xeral aproveitou o encontro para explicar en que consisten as distintas iniciativas da Consellería que se enmarcan neste Plan FPGal360. Trátase de 60 accións específicas en total, que xiran arredor de tres eixes temáticos.
Esta clase de xornadas, que organizan os centros educativos en colaboración co tecido empresarial, desempeñan un papel “clave”, dixo Pérez, no impulso da FP. No evento participaron unha vintena de firmas da comarca, como ElectroRayma, Gabadi, Norauto, Adera ou Navantia.
A oferta de ciclos formativos no CIFP Ferrolterra, entre os que destacan os de carácter industrial, posiciona ao centro como referencia nos títulos duais. A través desta modalidade, que ten a maior porcentaxe de inserción laboral, contribúese á formación de profesionais demandados polas empresas.