martes 26.05.2020

Unha exposición desvela o proceso creativo de Leiro

“Os traballos e os días. Francisco Leiro”. Este é o título da exposición que desde onte permitirá a todos os ferroláns achegarse á obra dunha das grandes figuras do panorama da arte galega actual

Unha exposición desvela o proceso creativo de Leiro

“Os traballos e os días. Francisco Leiro”. Este é o título da exposición que desde onte permitirá a todos os ferroláns achegarse á obra dunha das grandes figuras do panorama da arte galega actual e ser testemuñas excepcionais do proceso creativo de Francisco Leiro entre Cambados, Madrid e Nova Iorque. Abanca, en colaboración con Afundación e Arraianos Producións, abriu onte ao público na sede ferrolá unha mostra que reúne nove esculturas e cinco traballos en papel producidos desde os anos 90 ata a actualidade que forman parte das coleccións de arte das devanditas entidades.

Entre as obras seleccionadas atópanse algunhas tan significativas como as catro “Recolectoras” (2003) ou “Fauno” (2007), cinco pezas en madeira en gran formato “que alcanzaron un verdadeiro status simbólico na escultura galega contemporánea”, tal e como salientan desde Abanca. O seu traballo en granito, outro dos materiais de referencia na súa produción artística, tamén está reflectido na mostra coa escultura “Cabeza”, de 1988.

O proxecto expositivo inclúe ademais un interesante material multimedia procedente do documental “Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro”, escrito e dirixido por Aser Álvarez para Arraianos Producións que tamén será presentado na cidade ferrolá no marco da exposición. “Fotografías en gran tamaño e varias pezas audiovisuais que nos ofrecen unha visión inédita tanto do artista como do seu proceso creativo, que se desenvolve entre Cambados, Madrid e Nova Iorque.

audiovisual
“É a primeira vez que o artista abre as súas portas a un equipo audiovisual, polo que o proxecto ofrécenos unha oportunidade única de ser testemuñas desde un punto de vista persoal e íntimo de como leva a cabo a súa produción o artista galego con maior proxección internacional na actualidade”, sinalan desde a entidade organizadora da mostra. Completan esta ampla visión sobre o traballo de Francisco Leiro varias fotografías de esculturas realizadas polo artista situadas en espazos públicos, como son o “Guerreiro” que se pode contemplar na praza de San Amaro de Ferrol. “Esta serie de imaxes reflicte a importancia que tamén ten a escultura civil na traxectoria do artista”, engaden.

O proxecto expositivo resposta a unha das liñas estratéxicas de Abanca no marco da súa política de RSC, que é “contribuír dentro das súas posibilidades a divulgar a cultura e o coñecemento dos artistas galegos, ao mesmo tempo que ofrece a todos os cidadáns a posibilidade de gozar do seu rico patrimonio artístico”.

A mostra poderá visitarse ata o 10 de xuño na sede de Afundación de Ferrol en horario de luns a venres de 17.00 a 21.00 horas e os sábados, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

Comentarios