O sendeiro vital de Eugenia Sanmartín levouna a deterse, por un momento, na peripecia da autoprodución musical. A artista ferrolá, que conta cunha ampla traxectoria neste mundo, vén de sacar o seu primeiro tema publicado en solitario, “Animal”, que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais. Neste mes de agosto pretende publicar outro, enmarcado nun proxecto cunha gran carga poética e escénica, chamado “Antídoto”.
Cando estaba estudando Arte Dramático en Madrid e unha profesora lle manifestou que debía decidirse entre ser cantante ou actriz, a protagonista desta historia non o entendeu. “Opóñome”, responde Sanmartín, un exemplo que representa os puntos de unión entre as artes que adoitan interpretarse como separadas.
Sobre o que a conduciu até chegar a esta nova obra, a creadora entende que “é como algo que se destila”. Ela volveu a Ferrolterra nunha situación complicada fai 10 anos, cun neno desta mesma idade, e aínda que “xa viña de cantar, escribir e facer teatro”, chegou a unha intersección.
“Hai momentos nos que a túa linguaxe profunda cambia”, aprecia Eugenia Sanmartín, á que lle foron sucedendo, segundo expresa ela mesma, cancións e poemas ao longo do tempo, que se alimentaban de “encontros marabillosos dos que aprendín moito, con toda a xente coa que, dende que aterrei aquí en Ferrol, teño compartido escenario”. A propia forma que ten de entender a arte conleva unha contradicción cando esta non se comparte. Esta artista topouse coa “necesidade de dar saída a todo iso que está aí gardado, teño que sacalo, non pode quedar aquí na miña casa desordenado”.
O desexo de xerar emocións como tamén xorden en ela a partir doutros, que lle encanta ser público e “ver a xente traballando en directo”, foi o xermolo de “Antídoto”. “A arte é patrimonio da humanidade e cando alguén fai unha cousa dá igual o alcance que teña, que se se conmoven conmigo, iso a min paréceme un éxito”, declara a autora.
“Antídoto é un concerto”, define Eugenia Sanmartín, que se atopa na fase de deseño do espectáculo. As nove cancións que o conforman xa foron gravadas no estudo de Iván Gulín Porto, que progresivamente irán sendo adiantadas nas súas redes sociais. A importancia do directo constátase dende o mesmo proceso de gravación, que se realizou “con certo grado de improvisación, sobre todo pola súa parte”, referíndose este profesional, que achega nalgúns temas instrumentos como cellos ou contrabaixos.
Segundo a súa artífice, o proxecto “quere ser un contraveleno que ilumine o sangue de amor fraterno”, por medio de músicas e poemas propios que se mesturan con composicións elaboradas para as letras doutros autores como Paula Carballeira, Marcos Lorenzo, Carlos Neira ou Antonio Tizón. Trátase dun traballo que agarda ter concluído para o ano que vén e poida comezar a distribuílo.
O primeiro tema que integra “Antídoto” é “Animal”, unha obra que naceu a partir doutro proxecto alleo, “bastante especial no seu propio proceso creativo”, indica Sanmartín, sobre o libro “Enser”, de Marcos Lorenzo. Para presentar a súa obra, este escritor quixo contar con xente do lugar en cuestión para tratar unha parte literaria e outra musical, que se expoñería en forma de conversa co contido, sobre o que este lle inspiraba. Deste xeito, cando lle tocou dar a coñecer o libro en Ferrol, “contou con Karlotti Valle e conmigo”, para esta tarefa libre.
“Cando a min me invitan a facer o que me dea a gana, eu son moi feliz”, expresa Sanmartín, en cuxas mans caeu esta obra, coa que “a miña personalidade empatou mogollón”. Así, preparou unha parte desa presentación de “Enser”, a través dunha selección de partes favoritas do texto, co que foi orixinándose “Animal”. Sobre a súa letra, a poeta considera que “son versos que para min van moito á existencia dun mesmo”, mentres que “o da música foi un pouco máxico”, adianta. “Eu me estaba empecinando nunha melodía, entón, ao terceiro día que estaba insistindo con esa música, con bastante malestar interno dixen: non me gusta”, así que “deixei que os dedos esbararan pola guitarra”, até resultar no son desta canción.
A experiencia de Sanmartín é tan dilatada como difícil de resumir. Como cantante e percusionista, en Madrid integrou numerosas agrupacións, sobre todo vinculadas á música popular brasileira. En Ferrol, continuou dando concertos acompañada e tamén en solitario, compartindo escenarios e deixando a súa pegada creativa en colectivos como Maina Materia.