Volta un ano máis o Club de Debate como espazo para promover o uso oral do galego, o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade. A iniciativa, desenvolvida por unha decena de municipios da comunidade, volverá contar coa presenza do Concello de Ferrol. Vinte estudantes do IES Canido, divididos en dous grupos, e outro equipo de dez estudantes do Saturnino Montojo exercerán a representación da cidade naval nunha competición con dezaséis conxuntos en liza. A fase previa terá lugar en Teo os días 21 e 24 de abril. Só seis pasarán á final, prevista para o mes de xuño en Bertamiráns.
“Somos menos sociais coas redes sociais” é a frase que este ano serve como punto de partida para os debates. O alumando chegará á cita coas dúas posicións, tanto a favor como en contra, ben traballadas, pois será no mesmo intre da proba cando coñecerán a posición que lles tocará defender ante cada rival.
O pasado venres celebrouse unha xornada formativa na capela do centro cultural Torrente Ballester para coñecer a fondo o regulamento da proba, ensaiar e comezar a preparar a fase previa. Un traballo que conleva tamén unha ardua tarefa de documentación e investigación sobre un tema de gran actualidade e relevancia para o colectivo xuvenil como son as redes sociais.
O Club de Debate Alingua é un proxecto de dinamización lingüística dirixido a estudantes de 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato e dos ciclos formativos. Desenvólvese como un torneo por equipos, con debates a dous nos que, ademais de indagar no tema obxecto da edición, os rapaces e rapazas profundizan no emprego do galego oral en contextos formais, como son os propios debates, e informais, a través da convivencia entre todos os participantes na iniciativa.