Darío Autrán: “O espectador estará ante dúas ideoloxías e dúas formas de ver a vida totalmente diferentes”

Darío Autrán: “O espectador estará ante dúas ideoloxías e dúas formas de ver a vida totalmente diferentes”
Autrán, no centro, cos dous protagonistas da obra que se representa o sábado no Jofre, ás 20.30 horas | Cedida

Volve Darío Autrán –Pontevedra, 1987– á cidade na que comezou a súa carreira como dramaturgo, e faino cunha obra que enfronta dúas maneiras de existir.

 

Cal é o plantexamento de “Todo nunha noite”? 
Temos un salón e dúas persoas, unha delas será unha actriz, Cloe, e a outra un director, Víctor. Veremos moita espontaneidade, moita química entre quen os representan, Ángela Andrada e Manuel Manquiña, respectivamente. Nesa conversa desinhibida, o director proponlle á actriz deixar de traballar no eido da comedia despois de 12 anos e facer por vez primeira unha obra dramática. E non só iso: con esa ambición desmedida que ten, Víctor quere facer unha conversa entre o diaño e deus. Imos ver 60 minutos de risas, de emocións, de mensaxes, de contradicións. Ímonos atopar con dúas interpretacións marabillosas. Esta é a cuarta vez que traballo con Manquiña, eu como director e el como actor protagonista, e estamos moi contentos con este proxecto. Ademais dese ambiente que se crea durante a obra, imos ver tamén un traballo actoral maxistral non só por parte de Manquiña, senón pola chegada de Ángela Andrada ao mundo da interpretación.

 

Como foi ese traballo de facer confluír a ampla experiencia de Manquiña co debut de Andrada?
Foi unha experiencia moi interesante. A complicidade que temos Manquiña e mais eu despois de tantos anos traballando xuntos fixo sinxelo o traballo de construción do personaxe. Ángela, das 90 actrices que se presentaron á proba desta montaxe, destacou por riba de todas. Ela vén do mundo da danza e ten unha corporalidade e unha visibilidade á hora de moverse nun espazo moi interesantes, sobre todo para a construción dese personaxe que é o diaño, que o fixemos un pouco como unha araña, un monstro demiurgo que pode invadir e facer catedral no escenario e convencer a xente nese momento álxido do ecuador da obra cun posicionamento sobre a pena de morte. É unha obra na que, dentro do humor e de toda esta loucura, hai esa mestura de drama e de reflexión profunda.

 

Polo tanto, non só actores antitéticos (polo momento no que chegan até aquí) senón personaxes opostos...
É que o personaxe de Manquiña é un conservador recalcitrante, furioso co mundo, coa globalización, con todos os avances e a modernidade da sociedade, e quere quedar no conservadurismo e no tradicionalismo, mentres ela é unha actriz nun momento moi excitante na súa carreira, que non para de ir de festa, de ir dun mozo a outro, dunha moza a outra, de momentos moi tolos... O espectador está diante de dúas ideoloxías totalmente diferentes e tamén de dous modos de ver a vida. Ao final, a obra é tamén metateatral, pois é a experiencia de Manquiña, 40 anos de carreira, e alguén que acaba de chegar, e iso leva a un baile, unha danza preciosa entre os dous que o espectador vai gozar moito.

 

Na súa traxectoria como director, que representa esta obra?
Representa o intento de consagración dunha compañía como Abismo Caracol. Comecei moi novo facendo as primeiras obras no IES Sofía Casanova. A medida que pasan os anos penso no privilexio que tiven porque Normalización Lingüística propoñía cada curso unha obra e ocorréuselles darme a dirección, o guion e toda a produción para facelas con total liberdade creativa. Desde os 16 anos puiden crear, escribir, dirixir, protagonizar cinco obras de teatro no propio instituto con total liberdade. Unha vez feito isto, estiven na Escola de Teatro de Narón, en Espazo Aberto en Santiago, cine, televisión, etc, e profesionaliceime, pero a miña historia nace en Ferrol, no Sofía Casanova, na oportunidade que me deron de facer o que quixera, e iso abriume unha porta. “Todo nunha noite” é a procura de que Abismo Caracol teña non só selo propio, senón unha maneira de facer as cousas e de dirixir os personaxes dun xeito que ao mellor non se acaba de atopar en Galicia. Procuro a espontaneidade, a naturalidade... É unha obra máis académica que a anterior, “Entelequias”. Aquí buscamos algo máis sinxelo, máis cercano para o espectador, e son 60 minutos sen cortes dunha conversa sobre o mundo, e o mundo é unha contradición: vivimos conflitos bélicos, inxustiza, crise política continua, vimos dunha pandemia... Todo isto forma parte desa conversa no Jofre, que é para min un soño de pequeno: esta obra representa tamén a volta a este teatro que é unha auténtica marabilla.

Darío Autrán: “O espectador estará ante dúas ideoloxías e dúas formas de ver a vida totalmente diferentes”

Te puede interesar