Este luns terá lugar a reapertura do camping das Cabazas, situado ao carón da praia da Fragata, na parroquia ferrolá de Covas. O espazo non so oferta parcelas para tendas de campaña, senón que tamén admite caravanas e autocaravanas, modalidades que contribúen a diferencialo doutras propostas similares, tendo en conta, ademáis, que se trata do único en Ferrol, de aí que o seu regreso sexa moi esperado.
Agora conta tamén coa opción de “glamping” reforzada, con tendas de campaña dotadas de todos aqueles elementos básicos como cama, toallas, iluminación ou minibar, para pasar unha estancia en contacto coa natureza sen renunciar ás comodidades dunha habitación.
Durante este tempo de peche, leváronse a cabo reformas como a reparcelación dos espazos, saneamento nas áreas para caravanas, melloras no sistema eléctrico, renovación dos aseos, cafetería e recepción, así como o aumento de tendas de “glamping”, pasando das 25 anteriores a un total de 60.
As Cabazas conta cunha gran oferta de servizos: recepción aberta de 8 a 24 horas, bar-cafetería, lavandería, wifi, aparcamento e facilidades como un carril bici exterior que chega ata Doniños ou acceso directo e privado á praia. As parcelas destinadas ás tendas de campaña ou vehículos teñen unha capacidade de catro a seis persoas, e o “glamping” está orientado a estancias de dous a seis hóspedes.
Na contorna das instalacións pódese desfrutar de actividades como ciclismo, tanto de montaña como no carril bici, senderismo, pesca ou deportes acuáticos como surf, windsurf ou buceo, pois a ubicación do camping é moi próxima ás praias. Tanto Esmelle como A Fragata serán as sedes do Surf Festival Ferrol que se celebra estes días.