Lunes 22.04.2019

O Congreso do Toxos salientará o papel do Coro e de Quintanilla nas Irmandades

O relevante papel xogado por diferentes persoeiros e entidades ferroláns tanto na organización  como na difusión do ideario das Irmandades da Fala –movemento do que este ano se conmemora os cen anos de vida– será obxecto de análise no congreso extraordinario Terra de Trasancos que entre o 28 e 29 deste mes terá lugar no local do Real Coro Toxos e Froles.

Arturo Lamas, Suso Basterrechea, Henrique Monteagudo e Saínza Ruíz, onte na presetación	d. alexandre
Arturo Lamas, Suso Basterrechea, Henrique Monteagudo e Saínza Ruíz, onte na presetación d. alexandre

O relevante papel xogado por diferentes persoeiros e entidades ferroláns tanto na organización  como na difusión do ideario das Irmandades da Fala –movemento do que este ano se conmemora os cen anos de vida– será obxecto de análise no congreso extraordinario Terra de Trasancos que entre o 28 e 29 deste mes terá lugar no local do Real Coro Toxos e Froles.
É precisamente esta entidade, tamén centenaria e que foi o modelo organizativo escollido polos irmandiños para fomentar e formar outros coros galegos en distintas partes do país, a impulsora dun programa que contará coa colaboración do Concello de Ferrol e da Real Academia Galega. Representantes das tres institucións –Arturo Lamas, presidente do Toxos; Henrique Monteagudo, secretario da RAG; e Suso Basterrechea e Saínza Ruíz, concelleiros de Cultura e Mocidade, respectivamente– presentaron onte o encontro para o que haberá un total de cen prazas dispoñibles.
A inscrición é gratuíta e pode formalizarse a través da páxina web do Toxos. Ademais, os estudantes das universidades galegas poderán solicitar un crédito de libre configuración pola asistencia.
O congreso, que se desenvolverá baixo o título “Toxos, Ferrol e as Irmandades da Fala”, será un dos máis especiais dos celebrados ao longo deste ano arredor da figura das Irmandades. Investigadores, intelectuais, historiadores e filólogos, entre outros estudosos, intervirán no encontro para achegarse a aspectos como a edición e ilustración gráfica nas publicacións do tempo das Irmandades; a situación de Ferrol antes da irrupción deste movemento a prol da cultura e a lingua galegas, ou as primeiras adhesións ás Irmandades na cidade naval.

protagonismo
Neste punto salientarase a relevancia do Real Coro Toxos e Froles, “que foi o modelo organizativo escollido polos irmandiños para fomentar e formar outros coros galegos en distintas partes dos país”, tal e como salientan desde a entidade.
Especial protagonismo terá no decurso do congreso a figura de Xaime Quintanilla, presidente do Coro entre xaneiro de 1922 e o mesmo mes de 1923 e do que neste 2016 se cumpren 80 anos do seu fusilamento polos golpistas. A el estará adicada a primeira xornada, a do venres 28, cuxa conferencia inaugural –prevista para as 17.00 horas– correrá a cargo do presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero.
A súa intervención, artellada baixo o título “As Irmandades da Fala, algo máis ca un movemento pola lingu”, abrirá paso, ás 18.30 horas, a unha mesa redonda sobre a persoa de Xaime Quintanilla, “un amigo da fala peculiar no Ferrol das Irmandades”, na que tomarán parte os historiadores Carlos Pereira Martínez e Ana Romero Masiá, autores do libro “Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República”.

homenaxe
Á súa figura estará adicada tamén á homenaxe e a ofrenda floral prevista para as oito da tarde no monumento á súa memoria na Alameda de Suanzes. A cita incluirá a actuación do Real Coro Toxos e Froles.
A sesión do sábado incluirá tres mesas redondas. A primeira versará sobre a “Edición e ilustración gráficas nas publicacións do tempo das Irmandades”, coa participación da catedrática de Historia María Victoria Carballo-Calero, o ilustrador gráfico Pepe Barro e o debuxante caricaturista Siro López.
Do Ferrol anterior ás Irmandades, “Unha illa social en Galicia: política e movemento obreiro”, falarán os historiadores Manuela Santalla e Eliseo Fernández. Sobre o Toxos xirará a última das mesas redondas, coa participación de Xosé María Dobarro e Pedro X. Blanco.
O programa tamén está aberto a investigadores que desexen achegar as súas comunicacións. O prazo pecharase o venres.

Comentarios