sábado 23/1/21

Comeza a admisión de alumnado coa reserva nos centros adscritos

A Consellería de Educación adianta as datas do proceso para “dar certeza ás familias ante a incerteza da Lomloe”, din
As solicitudes poden presentarse de xeito telemático ou nos colexios | d.a.
As solicitudes poden presentarse de xeito telemático ou nos colexios | d.a.

A Consellería de Educación iniciou onte o procedemento de admisión de alumnado para o curso 2021/2021 coa apertura do prazo para a reserva de praza en centros educativos adscritos. Modifícase así a data de inicio dun proceso que ata agora arrancaba o 1 de febreiro pero que o goberno galego decidiu adiantar para “dar certeza ás familias ante a incerteza que está a xerar a entrada en vigor da Lomloe e minimizar os efectos negativos desta lei no sistema educativo galego, co fin de manter unha calidade e equidade avalada polos resultados”, indicaron onte fontes da administración educativa galega.

Engadiron ademais que o adianto da data permitirá ás familias “dispor de máis tempo para formalizar as reservas de praza e aos centros educativos ter máis marxe para completar os trámites administrativos”.

A nova lei educativa, coñecida popularmente como “Ley Celaá”, entrará en vigor o vindeiro día 19, vinte días despois da súa publicación no BOE o pasado 30 de decembro, para se aplicar progresivamente.

Tal e como se contempla no seu calendario de implantación, especifícase que á entrada en vigor da norma, o proceso relativo á admisión de alumnado que se tivera iniciado con anterioridade á entrada en vigor da Lei –caso de Galicia– rexerase pola normativa vixente no momento de iniciarse o procedemento.

Deste xeito, o alumnado que remata etapa nun centro escolar e ten que solicitar praza para a seguinte etapa no centro que lle corresponde por adscrición, ten de prazo ata o vindeiro 8 de febreiro para facelo.

Trámite

Os trámites poderán facerse de xeito telemático a través da aplicación “admisionalumnado “ que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación.

No que atinxe aos nenos e nenas que entran por primeira vez no sistema (maioritariamente de 4º curso de Educación Infantil), así como para aqueles alumnos e alumnas de Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato que queiran cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles, os prazos xerais de solicitude de admisión mantéñense, como en anos anteriores, do 1 ao 20 de marzo, ambos inclusive.

Comentarios