Chelo Loureiro: “Nin en soños puiden pensar nunca que ía estar onde estou”

Chelo Loureiro: “Nin en soños puiden pensar nunca que ía estar onde estou”
Chelo Loureiro, onte no porto ferrolán, cos seus tres premios Goya | emilio cortizas

Esta foi unha semana de loucura para Chelo Loureiro, fundadora de Abano Producións. A consecución, o pasado sábado, do seu terceiro Goya, totalmente inesperado, supuxo unha extraordinaria alegría para unha muller que, a punto de cumprir 65 anos e con catro décadas de traxectoria laboral ás súas costas –en diferentes ámbitos–, comezaba a sopesar xa a idea da xubilación. “Pero parece que non me van deixar”, confesa. Claro que o traballo, cando tamén é hobby, lévase moito mellor. Segue con enerxía e pulo para seguir creando cine de animación, ese que tantas alegrías lle está a dar desde hai tempo.
 

Ao Goya acadado en 2019 coa curtametraxe “Decorado”, dirixido por Alberto Vázquez, sumaba o pasado ano un novo “cabezón” pola película “Valentina”, a súa ópera primera como directora. Este ano volvía subir esplendorosa ao escenario dos premios máis importantes do cine español para recoller a súa terceira estatuílla, grazas desta volta ao traballo desenvolvido en “Unicorn Wars”. 
 

O director da cinta, Alberto Vázquez, acompañará esta tarde á recoñecida produtora ferrolá na sesión organizada polo Dúplex Cinema de Ferrol, prevista para as 17.15 horas. Ademais da proxección, o público poderá establecer un coloquio posterior cos dous protagonistas da cita.
 

“Unicorn Wars” reflexiona, a través da fantasía animada, sobre a orixe do mal. “Eu penso que nos sentimos todos reflectidos, porque a orixe do mal está nas familias, nas propias familias, nas envexas... de aí aparecen persoas con psicopatías que ao final son capaces de levarnos a unha guerra, que iso é o terrible”, considera Loureiro. E da guerra fala precisamente unha película que a produtora ferrolá define como “dura, que aborda a maldade, un tema que é máis dixerible cando os protagonistas non son persoas, senón osiños de peluche e unicornios. É unha película con humor negro e que deixa moito pouso no público”, engade.
 

O máis “doloroso” para o equipo foi, di Loureiro, que xusto cando encaraban a recta final deste proxecto de animación para adultos, iniciado hai seis anos, foi cando estalou a guerra de Ucrania. “E nesa batalla xa non son osiños e unicornios os que caen na contenda, senón que son persoas, e para nós era inconcebible que houbera unha guerra en Europa por un territorio, é algo decimonónico”. Salienta, neste sentido, a capacidade que moitas veces amosan os artistas para se adiantar á realidade. “E a verdade é que neste caso é así”.
 

Recoñece que “nin en soños puiden nunca pensar que ía estar aquí onde estou. Cando era nena, nunha España gris, pensar en facer cine, eso era de Hollywood e o víamos tan lonxano... Todos os traballos que fixen en etapas anteriores foron traballos moi satisfactorios para min. Xa poder facer cine paréceme que é unha sorte inmensa, pero que aínda encima teña ese recoñecemento, pois que máis vou pedir! Non pido nada máis. Tiven moitísimo máis do que nunca soñei”, confesa.
 

Unha das próximas citas para Chelo Loureiro estará na gala dos Mestre Mateo, xa que tanto “Unicorn Wars” como “Valentina” concorren ao galardón como mellor longametraxe de animación. A segunda das cintas estrearase ademais o vindeiro mes de marzo nas salas de cine francesas.

Chelo Loureiro: “Nin en soños puiden pensar nunca que ía estar onde estou”

Te puede interesar