Casalexo pon en marcha un ano máis as súas Xornadas Micolóxicas

Casalexo pon en marcha un ano máis as súas Xornadas Micolóxicas
Alexo Negreira destaca o “agradecidos” que son os cogomelos para un cociñeiro | jorge meis

Alén dos seus probados beneficios para a saúde –fonte de selenio ou alto contido en polisacáridos, entre outros–, os cogomelos son desde o punto de vista gastronómico “unha delicia”. Así os define Alexo Negreira, propietario do bar-vinoteca Casalexo, na rúa Pardo Baixo de Ferrol, e esa é unha das razóns polas que, hai xa nove anos, decidiu botar a andar as súas xornadas micolóxicas. 

Aínda que razóns hai moitas, a principal, probablemente, a de ser tamén un “agasallo” para calquera cociñeiro. “Son un produto moi agradecido e, ademais, moi versátil”, explica o hosteleiro, que tamén se confesa afeccionado non só a cociñalos, senón mesmo a recolectalos polos montes da comarca. 

A edición deste ano prolongarase ata o mércores 25 de novembro. Nestas semanas, a clientela poderá consumilos tanto na carta como en racións e tapas e, tamén, nun menú degustación de tres pratos. En calquera dos formatos elixidos, o tipo de fungo ou cogomelo varía cada semana, de tal xeito, explica Negreira, que “quen veña unha vez á semana poderá degustar produtos e pratos distintos, pois a preparación mudará de semana en semana. “Tamén nas sobremesas”, anuncia.

Éxito instantáneo
Alexo Negreira decidiu impulsar estas xornadas hai case unha década tras constatar que na cidade “non estaba moi explotada a gastonomía con cogomelos”, malia a afección que existe na comarca, en feiras como a xa clásica das Pontes. O éxito, sinala, foi inmediato. “Desde o primeiro día”, apunta, “porque se trata dun produto estacional que na súa frescura só o hai nestes meses de outono”. 

Nestes anos, ademais, Alexo Negreira puido comprobar a variedade de clientela. “Desde os que controlan moito e están moi formados ata os que se achegan para probar”, sinala. En calquera caso, explica, “trátase dun cliente aberto, disposto a probar cousas novas e ao que non lle gusta atarse a unha elaboración concreta”. Na proposta de Casalexo, os cogomelos poden atoparse nun mollo, nunha fritura, nunha ensalada ou nun salteado, ademais de como ingrediente nun prato principal. “É”, insiste, “moi versátil”.

Este ano, as xornadas traen novidades. Ao non poder celebrarse a festa de clausura polo Covid-19, Casalexo sorteará varios lotes de produtos  e bonos-agasallo valedeiros por menús degustación  entre os comensais que compartan coa etiqueta @casalexo unha ou varias fotos nas súas redes persoais –pode ser Facebook, Twitter ou Instagram– mentres proban algunha das propostas micolóxicas.

Casalexo pon en marcha un ano máis as súas Xornadas Micolóxicas

Te puede interesar