A cantante ELE protagonista do festival Noite de Bolos, previo a Festa do Pan de Neda

A cantante ELE protagonista do festival Noite de Bolos, previo a Festa do Pan de Neda
A cantante madrileña Elena Iturrieta, “ELE” | cedida

O Concello de Neda acaba de pechar a programación da súa próxima “Noite de Bolos”. A cita musical, que alcanza o vindeiro sábado 3 de setembro a súa VII edición, apostará nesta ocasión por un cartel ecléctico no que destaca a presenza de ELE. A cantante e compositora madrileña, unha das revelacións musicais dos últimos anos, compartirá protagonismo con bandas da terra dun marcado carácter festivo.
 

Un ano máis, a xornada previa á tradicional Festa do Pan encherá de música o paseo marítimo de Xuvia. O festival “Noite de bolos”, que xoga co nome da peza de pan e o apelativo que reciben as actuacións no argot dos músicos, arrincará ás 21.30 horas, con entrada libre e gratuíta, e apostará por unha rechamante mestura de estilos, con tres directos que prometen, como indican desde o Concello.
 

A primeira en saír á escena será a vocalista, compositora e pianista madrileña Elena Iturrieta, coñecida como ELE, coa súa mestura de folk, soul, jazz e rhythm and blues salpicado de pop. Todo un combinado, cargado de emoción, que lle permitiu a esta artista facerse un oco no panorama musical nacional. 

Acompañada dunha potente banda, ELE repasará no concerto nedense os temas dos seus dous discos en solitario: “Summer Rain” e “What Night Hides”, este último gravado nos míticos estudos londinienses Abbey Road.
 

Tras ela, será a quenda do sexteto lucense Airiños da Freba coa súa divertida viaxe no tempo que, ao ritmo de música 100% tradicional levaranos ata os anos 30, 40 e 50 do século pasado, cando quintetos, conxuntos e “orquestinas” amenizaban as festas populares da súa provincia, e do resto de Galicia. Unha proposta para bailar, que condensa o seu novo traballo, que leva por título “Con Grelos”.
 

E como fin de festa, a Banda Xangai, que toma o nome do tren que unía Galicia con Barcelona. Un proxecto musical no que conflúen músicos de referencia no movemento bravú, con Xurxo Souto á cabeza, e que se autodefine como “gran orquestra de baile dos novos tempos”. Unha auténtica homenaxe aos máis de 25 anos de rock bravú “para mover o corpo sen fin”, como eles sinalan.
 

“Noite de bolos”, que na pasada edición anticipouse ao éxito das Tanxugueiras, conta co apoio da Deputación da Coruña e será o aperitivo musical da Festa do Pan de Neda, cita declarada de interese turístico de Galicia, que como xa se anunciou, se celebrará na vila o domingo 4 de setembro.

A cantante ELE protagonista do festival Noite de Bolos, previo a Festa do Pan de Neda

Te puede interesar