O Campo das Cabazas gaña en verde logo dunha xornada de plantación de Equiocio

O Campo das Cabazas gaña  en verde logo dunha xornada de plantación de Equiocio
Nos distintos espazos colocáronse tullas, metrosideros, arbustos en flor e plantas aromáticas | jorge meis

O Campo das Cabazas, en Covas, onde se leva adiante cada ano Equiocio, terá moito máis verde grazas a unha xornada de plantación, protagonizada por entidades sociais, e promovidas precisamente polo salón ecuestre, que desenvolve ademais numerosas accións centradas na recuperación e conservación do medio ambiente.

Sumáronse representantes das 17 entidades que forman parte de Equiocio Social, así como Helena Barreiro, do departamento de Márketing de Gadis; a concelleira de Benestar, Eva Martínez; ou a delegada territorial, Martina Aneiros.

A zona de plantación dividiuse en catro partes con especies diferentes. Na pista central colocáronse tullas en todo o seu perímetro; na parte frontal da pista de quecemento plantáronse metrosideros; o lateral da mesma dedicouse a arbustos en flor e a zona contigua, que desde hai dous anos alberga un xardín botánico, incrementou a súa flora con novas plantas aromáticas.

Foi, indican desde a organización, “un auténtico traballo en rede, colectivo e responsable en torno ao medio ambiente”. Agradecen especialmente a participación da asociación ASCM, de Aspanaes e de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, así como o apoio de Concello e Xunta e de firmas como Gadis, patrocinadora do certame.

A plantación levouse adiante na mañá do venres nos terreos nos que se celebra no verán a competición hípica, que son propiedade da Xunta de Montes de Covas e Esmelle. 

O Campo das Cabazas gaña en verde logo dunha xornada de plantación de Equiocio

Te puede interesar