O BNG de Ferrol reitera a súa petición ao Instituto Galego de Vivenda e Solo –IGVS– para que manteña e limpe a parcela localizada entre a porta principal de Navantia e o polideportivo de Batallóns. Os nacionalistas apuntan que nas últimas comisións de Urbanismo reclamáronlle ao goberno local que inste a este organismo dependente da Xunta a que “cumpra coa súa obriga” ou, no caso de que non o faga, que o Concello “actúe subsidiariamente.
O concelleiro Roberto Montero sinala que a situación deste espazo “demostra o total desleixo e abandono por parte do IGVS co silencio cómplice do goberno municipal”. “Non se acomete labor ningún de mantemento nin de limpeza, o lixo campa ás súas anchas, podemos atopar latas, plásticos, botellas e mesmo colchóns tirados no chan que permanecen alí durante anos”, denuncia.
Ademais, acusa ao goberno de que “sempre que ten que escoller entre defender á veciñanza ou á Xunta acabe sempre dándolle as costas á veciñanza”.