Ballet, zarzuela e actuacións para os nenos no Nadal do Jofre e do Pazo

Ballet, zarzuela e actuacións para os nenos no Nadal do Jofre e do Pazo
Diario de Ferrol-2014-12-09-015-2b0aab8f

O Nadal chega ós teatros de Ferrolterra cargado de rituais e coa ollada posta nos días de descanso e tamén nas vacacións escolares. Os ballets clásicos, a lírica, a maxia, a música espiritual e as propostas infantís son fixos na axenda dos dous principais escenarios de Ferrol e de Narón, o Jofre e o Pazo da Cultura. Á venda están xa as entradas para funcións que se suman á actividade escénica habitual.
No teatro Jofre será “O lago dos cisnes” quen abra as actividades de Nadal, o martes 16 de decembro, e a cargo do Ballet Nacional Ucraniano de Odessa. Máis de corenta bailaríns estarán en escena nunha produción de xira por Galicia (este venres está en Vigo) e con entradas entre os 20 e os 28 euros.
A zarzuela protagonizará a noite do sábado 27 de decembro, cun programa que incluirá a representación de “La revoltosa” e tamén unha selección de pezas de género chico doutras obras. Neste caso o prezo das localidades oscila entre os 18 e os 25 euros, segundo a súa ubicación no teatro.
O ano rematará coas “Navidades mágicas de Diverplay”, o 28 de decembro. Este musical infantil verase a partir das seis da tarde a un prezo de sete euros. Toma como punto de partida a elección da estreliña Agapita como a encargada de guiar ós Reis Magos no seu camiño e a festa que se organiza por este motivo.
Cultura propón para decembro (a programación de xaneiro aínda non se coñece), ademais, o concerto de Rosendo deste mesmo sábado, no novo Auditorio (con entradas a 16 e 17 euros), e a actuación da prestixiosa compañía de teatro de humor xestual Yllana, con “Brokers”. Esta será o 21 de decembro, ás oito da tarde, con localidades a 10, 12 e 15 euros.

gospel
O Pazo da Cultura de Narón conta cunha cita fixa no seu calendario de Nadal: o gospel. Nesta ocasión pasará polo Pazo da Cultura o Mississippi Mass Choir, formación que xa coñece o escenario posto que actuou, xunto coa Xove Banda, o ano pasado. Nesta xira de 2014 presentan o “Oh Happy Day Tour”, na que recollen os seus máis de 25 anos de historia, desde que se fundaran en 1988. O concerto está previsto para o xoves 18 de decembro e as localidades custan 9,5 euros.
A maxia ten tamén un espazo destacado na programación habitual do Padroado de Cultura e tamén neste mes. O sábado 13 o mago Teto presentará o seu espectáculo “Os anos 80 vistos polo mago Teto”. Nel, ó lado da maxia teñen cabida iconos desa década como Félix Rodríguez de la Fuente, as bonecas Famosa, o programa de televisión “1, 2, 3”, a caída do muro de Berlín, o grupo Europe ou a película “E.T.”.
A “Antología escénica de la zarzuela”, por parte da Compañía Lírica de Galicia, chegará a Narón o venres 19 de decembro. O barítono Fernando Balboa está detrás dunha obra que durante unha hora viaxa polas escenas máis populares das pezas máis emblemáticas do xénero.
Un dos grandes espectáculos do Nadal será o que propón a orquestra Panorama nestas datas para os pequenos: “Panorama Kids”. Neste musical para toda a familia participan os vinte membros da agrupación, que cantarán temas infantís actuais e clásicos. Terán a colaboración da actriz María Mera. En Narón haberá funcións os días 29 e 30 de decembro, ás cinco da tarde, con entradas a dez euros.
O ballet tamén se fai un oco na programación naronesa e o domingo 4 de xaneiro poderase gozar con “Crebanoces”, que chega a través da compañía Concerlírica. O clásico de Tchaikovsky está fóra de abono, polo que neste caso o prezo das localidades será de 22 euros (con descontos a aboados, desempregados e posuidores de Carné Xove ou de Estudante ata os 25 anos).
Na axenda de Narón hai espazo tamén para recibir este mesmo xoves 11 e tamén o venres 12 a Cándido Pazó, que no Café-Teatro representará “Decamerón, historias para tempos ruíns”, xusto un día despois de recibir (o día 10, en Santiago), o Premio da Cultura Galega no ámbito escénico. Ademais o sábado 27 Sarabela Teatro representa “A idade da pavía”, obra dirixida por Ánxeles Cuña e protagonizada por Fina Calleja, Nate Borrajo, Sabela Gago e Fernando Dacosta. Dúas irmáns lembran a través das súas cartas a historia de tres xeracións dunha familia de mulleres desde a mirada inocente de dúas nenas.

Ballet, zarzuela e actuacións para os nenos no Nadal do Jofre e do Pazo

Te puede interesar