A asociación de mulleres Alvixe acaba de convocar un premio para recoñecer o traballo de persoas ou entidades que loitan contra a violencia de xénero. As candidaturas poden presentarse a partir do 15 de decembro e ata o 15 de xaneiro de 2020 na Casa da Muller, na rúa Lugo, ou no correo electrónico alvixeferrol@gmail.com. Representantes da asociación presentaron onte publicamente a proposta.
O galardón créase para valorar accións de sensibilización, divulgación, investigación ou apoio ás vítimas, principalmente en Galicia. Pódese achegar unha candidatura propia ou a de outras persoas e asociacións. En calquera caso, o documento debe explicar os méritos ou accións polos que se opta ao premio, cun texto cunha extensión entre os dous e os dez parágrafos.
O xurado estará formado por dúas integrantes de Alvixe, representantes das administracións local, autonómica e estatal e dúas membros de asociacións de mulleres de Galicia.