As visitas que durante o verán leva a cabo na cidade naval a empresa Ferrol Guías creceron este ano con respecto ao mesmo periodo do 2023 en preto de 600 visitantes. Así o constatan os datos presentados onte pola concelleira de Turismo da cidade naval Maica García, que valorou o incremento, en xeral, durante este verán e asegurou que “Ferrol consolídase como destino turístico por todo o que pode ofrecer: praias, rutas guiadas, gastronomía, festas, unha cidade cunha ampla programación de actividades para todos os públicos e para gozar en familia”.
No tocante ás visitas guiadas, indicou que se realizaron nestes meses estivais 1.572, 557 máis que no mesmo periodo do 2023. As citas que máis atraeron a quen visitan Ferrol foron o Arsenal (espazo que recorreron 680 persoas), Navantia (con 395 visitantes), Ferrol Secreto (179 interesados), a visita guiada ao castelo de San Felipe (con 107 persoas apuntadas), Capitanía (87 visitantes) e ao cuartel de Dolores (con 54 asistentes a estes percorridos). Ademais destes datos das ofertas de Ferrol Guías, a concelleira informou doutras visitas a nivel particular como as do Castelo de San Felipe, con 12.675 persoas que recorreron durante todo o verán.
Na oficina de turismo da praza de España demandaron información, o pasado mes de agosto, 3.589 persoas. Deles, segundo deu conta a edila da área, 77,79% eran turistas nacionais e o 14,35% procedían de países como Italia, Francia, Alemaña e Portugal entre outros. En agosto, na oficina do muelle de Curuxeiras foron atendidas 3.946, das que o 85,99% eran nacionais e o 23,88% internacionais, procedendo a maioría de Italia, Portugal e Alemaña.