As Letras máis cantadas fan partícipe ao pobo en Ferrolterra, que celebrou a memoria viva da tradición oral

Os encontros deste 17 de maio repartíronse pola comarca, chegando a propoñer varias citas por concello
As Letras máis cantadas fan partícipe ao pobo en Ferrolterra, que celebrou a memoria viva da tradición oral
As cantareiras Algarabía de Lago, de Valdoviño, foron unhas das protagonistas en Sedes | Jorge Meis

A práctica totalidade dos concellos da comarca foron escenario de distintos encontros para conmemorar a xornada de este sábado, Día das Letras Galegas, nalgúns casos por adiantado e noutros seguen este domingo ou incluso durante a próxima semana. Entre as iniciativas que se desenvolveron na propia data do 17 de maio destacan as numerosas propostas que tiveron lugar en territorios como Ferrol (nos barrios de San Xoán e Canido, así como en Esmelle), en Narón (na Solaina e Sedes) e na vila de Pontedeume.


Os actos na cidade inauguráronse a mediodía nunha “praza simbólica para Ferrol”, a Rosalía de Castro, tal como lembrou o presidente da AVV San Xoán-Bertón, Andrés Medín, dando a benvida ao acto tras as melodías da banda de gaitas Agarimo de Catabois, que “nun día como hoxe soan de forma distinta”, expresou José Antonio Ponte Far, concelleiro de Cultura. A música continuou coa voz de Sofía Hernández, gañadora do Talentiño 2025.

5170755 19211106
Acto das Letras na praza de Rosalía de Castro, en Ferrol | Jorge Meis

Pero antes, a filóloga Aurora Varela deu sentido á celebración falando da traxectoria das homenaxeadas que, aínda que se personifica en sete mulleres, “todas están representadas”. Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, Prudencia e Asunción Garrido, Teresa García e Manuela Lema son exemplos de “persoas que coa súa voz, e de xeración en xeración, ían levando a conservación dos coñecementos, dos modos de ser e de sentir que conforman a esencia da nosa música tradicional”, destacou. Unha vez deu voz aos fitos de cada una delas, presentou ao resto de encargados de recitar as poesías: Mariola Hermida, Manuel Patinha, María Inés Pérez e Manuel José Díaz.


En horario de sesión vermú comezaba no centro cívico de Canido unha xornada organizada por Ferror Records, cun cartel que encabezaba Zavala, que actuou coas Atalaias de Caión, unha agrupación de cantareiras coa que colabora no seu último disco e, nas ocasións especiais coma esta, tamén nos directos. Á tarima tamén subiron Agostinho DJ e Fernando Fernández Rego, responsables do selo local, e a banda de folk As Pías.

5170871 19275841
Atalaias de Caión acompañaron a Zavana na festa de Ferror Records en Canido | Jorge Meis

A actividade no concello de Ferrol rematou pola tarde coa cita organizada pola Agrupación de AAVV da Zona Rural no local social de Esmelle, que incluíu as actuacións das cantareiras Gradaílle, do propio Real Coro Toxos e Froles no que estas se enmarcan e do grupo Encrucillada. 

5170909 19313895
No local social de Esmelle as cantareiras do Toxos e o propio Real Coro, amais do grupo Encrucillada | Jorge Meis

Precisamente foi o subdirector de Diario de Ferrol, Xosé Fandiño, o encargado de ir dando paso a estas formacións, ademais de intercalar dúas intervencións nas que apuntou a conexión entre a poesía popular oral e a literatura culta. O xornalista focalizou na relación entre estes dous mundos que confluíron a partir dos “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro, orixe das Letras Galegas, que tamén beberon das recolleitas que realizara xunto a Manuel Murguía.


Narón 


A praza da Lectura, na Solaina, acolleu actividades para público familiar durante toda a xornada, que comezaron coa peza “A libraría máxica”, interpretada polo dúo de Inventi Teatro, e seguiron coa actuación das cantareiras do Padroado da Cultura, ademais da participación fóra de cartel dun grupo infantil representativo de que a música tradicional é pasado e presente  pero tamén futuro.


Os pequenos fixeron uso dos obradoiros e xogos Ubuntu, da asociación Os Picos do Sol, así como dun espazo de lectura e libraría. Pola tarde, outro dúo teatral, o de Ghazafelhos, entreteunos e educounos con “contos de lobos”, mentres que a música desta volta veu a cargo da banda de gaitas do Padroado.

5170796 19233250
Na praza da Lectura tamén actuou unha agrupación infantil de música tradicional | Jorge Meis

Vai Rañala Meu! organizou no centro cívico social de Sedes o Maio das Letras, que se estreou cun festival de pandereteiras e rematou en foliada. Non obstante, a música non foi todo, xa que tamén houbo un xantar popular que precedeu á proxección e presentación do documental “Lévame a idea”, por parte dunha das súas creadoras, Laura Varela.


Esta peza audiovisual encaixa no programa polo recoñecemento que realiza, aínda que a partir dunhas protagonistas concretas, a todas as mulleres creadoras e divulgadoras da poesía popular oral, como as que subiron ao escenario este sábado: Algarabía de Lago, de Valdoviño; As Caldupeiras, de Narón; e as Cantareiras de Sedes. Ademais, o filme que tamén asinan Iria Villares e Vanesa Siso propón unha reflexión pertinente sobre a conexión da práctica da música tradicional co estado de uso da lingua galega.


Pontedeume 


O acto de presentación do libro “Apañando letras e sons”, que é a quinta parte do cancioneiro popular eumés, inaugurou a programación neste concello cunha temática axeitada á homenaxe deste ano. A Casa da Cultura estivo ateigada de xente interesada nesta obra de Xosé Paz Fernández “Pepucho”, nun encontro que se pechou con concerto a voz, violín e piano.


Un dos imprescindibles das Letras en Pontedeume é o Cortexo Cívico, un percorrido pola vila que volveu contar coa participación da banda Charamela, que xunto ás cantareiras de San Pantaleón puxeron banda sonora ao encontro. 

Pontedeume2 14070982
O Ateneo Fernán Martís organiza o Cortexo Cívico de Pontedeume anualmente | Cedida

Tamén foron protagonistas este ano Antonio Fraga, Suso Martínez, Mónica Alonso, Ana Belén Manteiga, Oriana Méndez, Cristina Iglesias, Pilar Cagiao, Xesús Fraga e Fran Alonso. Entre todos estes nomes recoñecidos polo seu labor en diversas disciplinas foron guiando unha ruta por distintos espazos da vila que influíron na literatura e outras artes galegas, a través de persoeiros como o escritor Agustín Fernández Paz, a cantora lírica Rosario Salgado ou a poeta Xohana Torres.


Neda 


Alxibeira, as veteranas cantareiras do Padroado, centraron as propostas do 17 de maio no territorio nedense cun concerto acompañadas da súa charanga.

LETRASGALEGASNeda1 (2) 14120989
A Xanela do Maxín repetirá o espectáculo de Neda en San Sadurniño | Cedida

Ademais, A Xanela do Maxín ofreceu pola mañá o espectáculo multidisciplinar “Dende Rosalía ás Cantareiras. As Mulleres nas Letras”, que levará o vindeiro venres á Casa da Cultura de San Sadurniño, ás 10.30, unindo narración, música e tecnoloxía. 

As Letras máis cantadas fan partícipe ao pobo en Ferrolterra, que celebrou a memoria viva da tradición oral

Te puede interesar