Artes, cultura e gastronomía dan voz ás múltiples formas de resistencia palestina nunha cita en Ferrol

Este domingo celébrase unha xornada de actividades como un taller de danza e un xantar cos pratos tradicionais do país
Artes, cultura e gastronomía dan voz ás múltiples formas de resistencia palestina nunha cita en Ferrol
Un instante da cita “Voces por Palestina”, organizado polo colectivo en Fiada, tamén coa participación de artistas da comarca | DANIEL ALEXANDRE

O colectivo cidadán Ferrol con Palestina organiza este mesmo domingo, de 12.00 a 16.30 horas no centro social Artábria, a xornada “Palestina resiste: arte e cultura con causa”. No encontro están programadas distintas actividades, entre as que destaca unha nova edición do bazar gráfico que se celebrou por primeira vez no espazo de Fiada o pasado mes de xuño, no que o público poderá adquirir obras de numerosos artistas locais, que colaboran para recadar fondos con destino á International Welfare Children.


“O que non se coñece non se pode amar”, sinala a activista cultural e fundadora de Maquinarias Teatro, Helga Méndez, unha das integrantes da organización que participará na cita deste domingo. Esta é a principal motivación da proposta, tendo en conta que “tanto a cultura como a arte son as expresións primordiais da vida dun pobo que ten miles de anos de existencia” e polo que se está “mobilizando o mundo”. Segundo continúa explicando, “o que piden é que se visibilice todo o que se poida Palestina, de calquera maneira”, en referencia ao desexo dos propios habitantes.

 

Programa

Na primeira hora, os asistentes visualizarán pequenas proxeccións que rexistran distintas formas de resistencias no día a día, que se levan a cabo por medio das artes. Algúns exemplos poden ser o teatro, a “dabke” (danza tradicional palestina) ou o “handala” (outro símbolo do pobo que se materializa en pinturas e graffitis), así como a través de distintos trazos da cultura, como pode ser a “kufiya”, unha prenda histórica popular da que se divulgará o seu significado, ou o “tatreez”, unha técnica de bordado.


De seguido, dende a 13.00, propoñerase participar nun obradoiro de “dabke” que non so servirá para que todo interesado coñeza o baile, senón tamén para continuar organizando actos simbólicos, como o que ofreceu o colectivo por distintos puntos da cidade, tamén en xuño, facendo soar bombas no marco dunha representación escénica. Así mesmo, realizarase outro taller que consistirá en pintar dúas faixas, unha dirixida a nenas e nenos e outra a persoas adultas.


Para rematar, haberá un xantar popular para o que se anima a levar unha ración ou un doce típico palestino, a partir das 14.30 horas.

 

Ademais, o evento se completa cun bazar gráfico solidario durante toda a xornada, para o que colaboraron unha vintena de artistas gráficos da comarca: “foron moitos, afortunadamente”, valora Helga Méndez, que pon algúns exemplos como Carmen Martín, José Varela, María Manuela, Fer Patiño, Bruno L. Teixeiro e Dulce Anca, entre outros. Do mesmo xeito que ocorreu na anterior edición en Catabois, o público poderá adquirir orixinais e reproducións asinadas, estas últimas a un prezo menor para fomentar a participación.

 

Dende Ferrol con Palestina, que se adhire á campaña BDS, manifestan a intención de continuar propoñendo este tipo de actos ou outros aínda máis “humildes”, tamén no rural, co obxectivo de espallar a idea de que existe “unha cultura viva dentro dun pobo vivo” e ir contra a deshumanización. Por este motivo, tamén fan un chamamento a visibilizar a bandeira do país nas rúas, colgándoa das ventás e balcóns, e difundir fotografías nas redes

Artes, cultura e gastronomía dan voz ás múltiples formas de resistencia palestina nunha cita en Ferrol

Te puede interesar