Ares reivindica a pegada indiana cunha fin de semana de actividades

Ares reivindica a pegada indiana cunha fin de semana de actividades
Diario de Ferrol-2019-08-22-014-b51757ef

A historia recente do concello de Ares e, aínda que se cadra en menor medida, tamén doutros municipios da bisbarra, está fortemente ligada á pegada dos indianos, aqueles homes e mulleres que marcharon cara a emigración americana no remate do século XIX e primeiras décadas do XX e que, orgullosos das súas orixes, realizaron importantes achegas para contribuír ao desenvolvemento das súas parroquias. 

Esa pegada non se cingue exclusivamente á arquitectura, da que existen abundantes exemplos, senón, principalmente, no ensino, fundando escolas nun momento no que os colexios públicos eran aínda escasos. 

Desde hai tempo, o tecido asociativo de Ares vén realizando actividades de todo tipo, nomeadamente divulgativas, respecto dese pasado. 

A Alianza Aresana e as agrupacións instrutivas, como a de Caamouco, así como o CIRS de Cervás, teñen traballado arreo neste eido, pero non foi ata o ano pasado cando o goberno local decidiu dar un novo pulo a toda esa materia. Nacía o I Ares Indiano. 

“Cando nolo plantexamos”, recoñece a concelleira de Cultura, Alma Barrón, “fixémolo de tanteo, a ver cal era a resposta. Buscabamos pór en valor todo este patrimonio –material e inmaterial– dándolle un sabor de festa para poder chegar así a máis xente e difundir con maior alcance toda a achega dos indianos”. 

O resultado da primeira experiencia superou todas as expectativas. “Tivemos claro que debiamos continuar, con novas actividades para seguir atraendo o interese da xente”, explica, “e así nos puxemos a traballar practicamente desde que rematou a primeira edición”. Coa intención declarada de “instaurar esta iniciativa como festa do pobo”, apunta a edila de Cultura, Ares Indiano quere recoñecer a contribución “impagable dos veciños e veciñas de Ares que desde finais do XIX e durante a primeira metade do XX tanto investiron no seu pobo”, sobre todo, incide, “no que ten a ver co ensino e a cultura”.

Implicación
E poucas celebracións gozan do gancho do Ares Indiano. “Boa parte da veciñanza do concello ten antepasados que emigraron a Cuba, Arxentina, México etc.”, indica, “polo que a implicación da xente está a ser altísima”. 

Familias que prestan obxectos persoais para as exposicións, comercios que mudan o seu aspecto para se ambientar naquela época e a “imprescindible dedicación das asociacións do concello”, engade Barrón, garanten o éxito desta segunda edición, exemplo de “traballo en equipo e coral”, realza, para agradecer a unha xeración de emigrantes o amor incondicional que demostraron polo seu pobo.

Ares reivindica a pegada indiana cunha fin de semana de actividades

Te puede interesar